Ir o contido principal

Pedagoxía da USC pon en marcha unha acción pioneira coa ‘maleta das emerxencias pedagóxicas’

Pedagoxía da USC pon en marcha unha acción pioneira coa ‘maleta das emerxencias pedagóxicas’
Pedagoxía da USC pon en marcha unha acción pioneira coa ‘maleta das emerxencias pedagóxicas’

Os nenos e nenas ingresados no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol poden gozar xa na aula hospitalaria de materiais didácticos especialmente deseñados para eles por alumnado de cuarto curso do grao de Pedagoxía da USC. Todos eses materiais, xogos e actividades integran a peculiar ‘Maleta de emerxencias pedagóxicas’ coa que traballarán ao longo deste curso e que se presentou esta semana.

Trátase dunha acción pioneira en Galicia posta en marcha por 35 estudantes das materias de Deseño e avaliación de materiais didácticos e Pedagoxía Hospitalaria e que forma parte dun proxecto de Aprendizaxe e Servizo no que están implicados os docentes Yésica Teijeiro Bóo, Jesús Rodríguez Rodríguez e Antía Cores Torres.

Nunha primeira fase deste proxecto, a mestra da aula hospitalaria, Pilar Porta, e os docentes da USC traballaron conxuntamente para coñecer as peculiaridades e as necesidades funcionais do espazo ao que acoden os nenos e nenas. A partir de aí, interveu o alumnado das dúas materias. Deste proceso naceron oito proxectos destinados a nenos e nenas de entre 3 e 14 anos, con finalidades pedagóxicas diferenciadas, e enfocados a temáticas como a música, as emocións, o hospital e os seus espazos, os profesionais e o propio contexto no que se desenvolve.

O proxecto, segundo indican os docentes, trata de dar unha resposta educativa, equitativa e de calidade” ás necesidades dunha escola hospitalaria á vez que introducir a aprendizaxe de competencias dentro dun enfoque útil para os menores hospitalizados e axustada ás necesidades. Por outra banda, para o alumnado universitario é unha “ oportunidade única de que participe en todo o proceso de creación, deseño, proposta, proba e revisión dun material non comercializado”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.01.2019.