A pedra, altofalante do patrimonio cultural

O vínculo directo entre as actividades culturais históricas e o establecemento e resiliencia de hábitats dentro de estruturas patrimoniais construídas en pedra acaba de ser constatado por investigadores da USC e da Universidade de Oxford. O estudo que actualiza o concepto de patrimonio biolóxico-cultural, está centrado nos curros de pedra de Monte de Froxán en Lousame e Ladydown Moor en Cornualles e acaba de ser publicado pola revista Land.
O devandito vínculo mantense malia “a redución ou abandono dos usos tradicionais, forzado no caso de Froxán pola usurpación na posguerra civil dos montes polo Patrimonio Forestal do Estado para unha reforestación que implicou o fin do pastoreo”, afirma Patricia Sanmartín, coordinadora da investigación e especialista en estudos da conservación do Patrimonio do grupo Estudos Medioambientais aplicados ao Patrimonio Natural e Cultural, adscrito ao departamento de Edafoloxía da USC.
Neste senso, foi analizada a evolución histórica dos usos en relación ás mudanzas demográficas e socio-políticas do contexto territorial de ambos os dous curros, fortemente marcados pola intensificación de actividades non tradicionais como a agricultura e silvicultura intensivas e a minería. “Determinadas comunidades vexetais actualmente existentes foron interpretadas como manifestacións do patrimonio bio-cultural preservado en Ladydown Moor e Monte de Froxán, neste último caso con zonas de especial valor como a turbeira de Campo de Lamas, que funcionou como reservorio de hábitats de importancia e que facilitarán a restauración ambiental que xa está a desenvolver a Comunidade Veciñal de Froxán” afirma Patricia Sanmartín.
Este estudo sobre o patrimonio biolóxico-cultural centrado nestes extensos curros destaca os vínculos entre patrimonio cultural e natural e a importancia das prácticas de conservación comunitaria. Realizado por un equipo interdisciplinar no que toman parte USC, Universidade de Oxford e un investigador da Fundação Montescola, o traballo foi dirixido por Sanmartín en colaboración coa catedrática en Bioxeomorfoloxía e Conservación do Patrimonio da Universidade de Oxford, Heather Viles.