Ir o contido principal

O pensamento laico, laicismo e democracia centran a temática dun curso de verán da USC en Santiago

Cartaz da programación da Universidade de Verán 2015 da USC
Cartaz da programación da Universidade de Verán 2015 da USC

O pensamento laico como principal soporte intelectual da liberdade de conciencia e a relación esencial entre democracia e laicismo constitúen dos dos temas obxecto de análise e debate no marco do curso de verán da USC ‘ Pensamento laico: laicismo e democracia’, un dos programas incluídos na Universidade de Verán 2015 da USC que se desenvolverá do 29 ao 31 de xullo na Facultade de Filosofía de Santiago de Compostela. A USC mantén aberta a inscrición neste foro estival ata o 17 de xullo. O laicismo como imprescindible factor de moralización democrática e superación da crise e o seu cometido na construción dunha democracia global serán outros dos asuntos abordados neste curso de verán da USC, un programa dirixido por Rafael Martínez Castro e César Tejedor de la Iglesia que está estruturado en 16 horas lectivas. Un relatorio coloquio sobre o laicismo e a súa relación coa democracia, a cargo do responsable da área de formación de Europa Laica, César Tejedor de la Iglesia, abrirá o mércores 29, ás 10.00 horas, a quenda de intervencións neste curso, no que tamén intervirán como relatores nesta xornada inaugural o filósofo e antropólogo Andrés Carmona Campo ou o catedrático da Complutense de Madrid Jorge Álvarez Yague. Ciencia e relixión, a laicidade como presuposto esencial do Estado de dereito democrático e educación laica centran os temas dos tres relatorios programados para a xornada do 30 de xullo, na que intervirán como relatores deste curso o profesor da Uned en A Coruña Julio Ostalé; Ascensión Cambrón, profesora de Filosofía na UDC, e Fermín Rodríguez Castro, docente xubilado e activista a prol da escola pública e laica. O curso de verán da USC ‘Pensamento laico: laicismo e democracia’ chegará ao seu remate o 31 de xullo cunha xornada na que presenta dous temas para o debate, tales como o son a educación cívica liberal ante as demandas do multiculturalismo ou a inxerencia da relixión na educación. O profesor de Filosofía Nicanor Fuentes Laíño e o deputado en 1977 e presidente de Europa Laica, Francisco Delgado Ruiz, serán os relatores que disertarán sobre estas cuestións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.07.2015.