O persoal investigador en formación visibiliza a súa actividade nun encontro na USC
Visibilizar a actividade que se realiza na institución académica compostelá no marco dos programas de doutoramento, compartir experiencias de boas prácticas e promover o exercicio da crítica científica. Con tales fins, o persoal investigador en formación da USC reúnese estes días en Ciencias da Comunicación. O encontro, o terceiro que se celebra, inaugurárono este mércores o reitor Juan Viaño; o director da Escola de Doutoramento Internacional da USC, Ramón Leis Fidalgo; e o decano da facultade anfitrioa, Xosé Ramón Pousa Estévez. As persoas asistentes profundarán estes dous días na definición do papel dos doutores e doutoras como actores principais da sociedade e na xeración e transferencia de coñecemento, abrindo espazo para a reflexión sobre as bases para a colaboración entre o doutoramento e as industrias, empresas e administracións públicas. Logo da inauguración tivo lugar a conferencia de benvida a cargo da catedrática de Farmacia María José Alonso titulada ‘¿Quero ser doutor/a? Unha perspectiva biofarmaceutica’. A xornada continuou coa presentación, en formato ‘flash talks’ e de maneira simultánea en varias salas, das diversas investigacións dos participantes. O programa complétase esa tarde cunha mesa redonda sobre o emprendemento na que participarán Juan Carlos Covas, de Mestrelab; Juan Lema Rodicio, de Enxeñaría Ambiental da USC; Eva López Barrio, de Uni-Emprende e Woman Emprende; e Mª Pilar Rodríguez Suárez, de Dehistoria. Tamén o xoves pola tarde terá lugar outra mesa redonda, nesta ocasión sobre as posibilidades de éxito no mercado laboral e na que intervirán os docentes da USC Jesús Salgado e Francisco Ribadulla ademais de Antonio Varela, da Fundación Barrié. De esquerda a dereita, Xosé Ramón Pousa, Juan Viaño e Leis Fidalgo (Foto: SERVIMAV-USC)