Ir o contido principal

A pianista nada en Rábade Andrea Vilar ofrece este luns un concerto na Casa do Saber no marco do ciclo Na Calzada

Andrea Vilar, pianista
Andrea Vilar, pianista
A actuación, de entrada libre e de balde ata completar o aforo, comeza ás 20.00 horas

A pianista luguesa nada en Rábade Andrea Vilar ofrecerá este luns 22 de abril un concerto na Casa do Saber de Lugo no marco do ciclo Na Calzada, incluído na programación de música de cámara organizada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Lugo.

A actuación de Andrea Vilar, de entrada libre e de balde ata completar o aforo, comezará ás 20.00 horas e desenvolverase baixo o título ‘O xénero improvisado, de Couperin a Crumb’. Daquela, o repertorio que ofrecerá Andrea Vilar na Casa do Saber de Lugo inclúe composicións de Louis Couperin, Johann Sebastian Bach, Franz Schubert, Frèderic Chopin, Isaac Albéniz, Enric Granados, Béla Bartók, Aram Jachaturián, Sergei Rachmaninov, George Crumb, Frederic Mompou, e Arieh Chrem.

Biografía de Andrea Vilar

Andrea Vilar nace en Rábade en 1997. Tras rematar os seus estudos profesionais na cidade amurallada de man de Juan Ignacio Martínez, trasládase a Barcelona para cursar os estudos superiores en Interpretación Clásica e Contemporánea na Escola Superior de Música de Catalunya, traballo que aínda lle ocupa, co profesor Jordi Camell. Nos dous últimos anos recibiu clases de profesores como Kennedy Moretti, Eldar Nebolsin, Pierre Laurent Aimard ou Rita Wagner.

Ademais, esta nova intérprete interésase profundamente pola música de cámara, recibindo clases de membros do Cuarteto Quiroga, Cuarteto Casals ou Dalia Quartet, así como de profesores como Pascal Moragués. Así mesmo, cultiva o xénero lied da man de profesores como Josep Surinyac ou Francisco Poyato, co dúo Liliak, activo actualmente. Por último, nestes anos está a adentrarse na interpretación historicamente informada con instrumentos de época, traballando no fortepiano e no clave da man de Luca Guglielmi.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.04.2019.