Ir o contido principal

O Plan plurianual de profesorado senta as bases dunha nova política de profesorado na USC para o período 2019-2022

Imaxe recente dunha xuntanza do Consello de Goberno
Imaxe recente dunha xuntanza do Consello de Goberno
O Consello de Goberno aprobou este plan así como a proposta de flexibilidade horaria para o Persoal de Administración e Servizos

Sentar as bases dunha nova política de profesorado para a USC. Este é o obxectivo do Plan plurianual de profesorado para o período 2019-2022 que este venres aprobou o Consello de Goberno da USC. Este plan pretende garantir unha dotación suficiente e axeitada das diferentes áreas de coñecemento a través de contratos de calidade e de modo que corrixa de xeito paulatino o desequilibrio entre elas, así como garantir a reposición de efectivos que se xubilaron nos últimos anos ou que se van xubilar proximamente mediante a incorporación de profesorado novo. Estas liñas de acción faranse en sintonía coa necesidade de garantir a viabilidade económica da institución de acordo co plan vixente de reequilibrio económico-financeiro, mediante “unha planificación prudente e rigorosa da incorporación de efectivos e de evolución da masa salarial”.

O plan está deseñado para frear o aumento da idade media do Persoal Docente e Investigador (PDI) mediante a renovación dos cadros de persoal, buscando reducir simultaneamente a precariedade e a temporalidade de determinadas figuras. Neste senso, buscase tamén garantir a posibilidade de estabilización ao profesorado que cobre necesidades estruturais e a de promoción ao persoal acreditado para os diferentes corpos de profesorado funcionario. O documento aprobado tamén garantirá que a reposición de persoal a curto e medio prazo permita o cumprimento de compromisos de estabilización, a incorporación de docentes a través de contratos de calidade e carácter estable, aliñando as políticas de captación de PDI coas de retención de talento a través de convocatorias competitivas estatais, europeos ou autonómicas.

Con esta decisión a USC afronta a redución do seu corpo de persoal docente experimentada nos últimos anos e froito da incidencia da crise, cuxos efectos “non son facilmente reversibles a curto prazo”, explica o xerente Javier Ferreira. A redución “non se distribuíu de xeito uniforme entre as diferentes áreas, o que propiciou a creación de importantes déficits de persoal ou, nalgúns casos, contribuíu a agravar os xa existentes”, lembra o responsable de persoal da USC.

Xornada flexible para o PAS
A implantación da xornada flexible para o Persoal de Administración e Servizos (PAS) foi outro dos puntos tratados no Consello de Goberno. A medida establece mecanismos de conciliación da vida laboral e familiar que permitan adaptar as necesidades do persoal ao servizo que presta, garantindo o funcionamento da administración universitaria.

O acordo recolle dous supostos de conciliación: unha flexibilidade xeral, onde se establece unha franxas horaria fixa que asegure o bo funcionamento dos servizos e outra flexible que o persoal poderá distribuír segundo as súas necesidades nunha ampla franxa horaria de luns a venres. A segunda opción ofrece flexibilidade por conciliación familiar dirixida a persoal con fillos menores de 12 anos ao seu cargo ou con familiares que por enfermidade ou avanzada idade necesiten asistencia doutras persoas, tal e como contemplas as disposicións en materia de igualdade da comunidade autónoma. Neste último caso, fixarase un horario de referencia que permita compatibilizar esas situacións coa prestación do servizo.

O acordo estivo precedido da implantación dun sistema de rexistro horario dende o pasado mes de xaneiro que posibilita agora a aplicación da flexibilidade. Tres meses despois da súa posta en marcha, o sistema atópase completamente normalizado, segundo o informe presentado polo xerente no Consello de Goberno. Javier Ferreira valorou moi positivamente a actitude e colaboración da comunidade universitaria con este proxecto. Como el mesmo explicou o obxectivo é “seguir camiñando na busca da eficiencia na administración e permitir que o persoal desenvolva o seu traballo con máis oportunidades para a conciliación da vida persoal e laboral”.

Responsable de proxectos institucionais
O Consello de Goberno aprobou a creación dun posto de Responsable de Proxectos Institucionais adscrito á Reitoría e á Xerencia para traballar na racionalización das infraestruturas, os medios técnicos e humanos e os procedementos relacionados coa docencia, a investigación e a xestión administrativa e de servizos para contribuír a un uso eficiente dos recursos públicos. A creación deste posto “é unha aposta decidida pola reorganización das infraestruturas tanto físicas como tecnolóxicas, así como dos procedementos de traballo que con rigor, transparencia e responsabilidade dean lugar a un retorno que garanta o mantemento e mellora das funcións principais da institucións”, explicou o xerente.

Calendario académico
O curso 2019-2020 estenderase do día 1 de setembro de 2019 ao 31 de agosto de 2020 en dous períodos para a impartición da docencia: do 9 de setembro ao 20 de decembro, pudendo os másteres retrasar o inicio ata o 23 de setembro; e do 29 de xaneiro ao 15 de maio de 2020. Os períodos de apertura de actas estenderanse do 16 de decembro de 2019 ao 7 de febreiro de 2020, e do 15 de maio ao 19 de xuño de 2020. Haberá unha segunda oportunidade de avaliación para a cal o período de actas estenderase do 22 de xuño ao 274 de xullo do vindeiro ano.

Outros asuntos
Outros asuntos tratados nesta xuntanza do órgano colexiado foron a convocatoria da Escola Infantil Breogán e a da adxudicación de axudas para a escolarización de menores de tres anos no Campus de Lugo para o vindeiro curso, así como a convocatoria de aloxamento do Servizo Universitario de Residencias para 2019-2020, que ofertará un total de 1071 prazas. Complementando esta última tamén se abordou as convocatorias do SUR para estudantes internacionais durante o próximo curso e para membros da comunidade universitaria participantes nas actividades da Universidade de Verán 2019. Tamén se aprobaron os procedementos de admisión aos estudos universitarios de grao do Sistema Universitario de Galicia.

A orde do día completouse coa aprobación das bases reguladoras e da convocatoria de bolsas de verán dos centros singulares de investigación, así como das propostas de modificación do Instituto de Investigación e Análises Alimentarias e do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas, e os regulamentos de réxime interno do Instituto de Investigación en Análises Químicos e Biolóxicos (IAQBUS) e do Instituto Universitario de Investigación Interdisciplinar de Tecnoloxías Ambientais (CRETUS).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.03.2019.