Ir o contido principal

As plantas medicinais no desenvolvemento sostible das reservas da biosfera de Lugo, a debate en xullo nun curso de verán da USC

Cartaz da Universidade de Verán 2016
Cartaz da Universidade de Verán 2016

As plantas medicinais no desenvolvemento sostible das reservas da biosfera Terras do Miño e os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerrerá’ é o título do curso incluído na Universidade de Verán 2016 da USC e que se desenvolverá nas sedes do Instituto Universitario de Investigación de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) e da Estación Científica do Courel do 26 ao 29 de xullo.

Estruturado en 30 horas lectivas e aberto á participación dun máximo de 50 personas, o programa dirixido polos profesores da USC Antonio Rigueiro e Rosa Romero, constitúe un foro de achegamento e coñecemento das múltiples utilidades que reporta o emprego e consumo de plantas medicinais, así como a suá importancia e incidencia no desenvolvemento sostible de dúas das reservas da biosfera comprendidas no territorio da provincia de Lugo. O profesor do Departamento de Botánica da USC e director do Ibader, Pablo Ramil Rego, abrirá o 26 de xullo a quenda de relatorios deste foro estival cunha intervención que se desenvolverá baixo o título ‘Historia da utilización das plantas medicinais’. Os principios activos das plantas medicinais e o procesado industrial destas centrará o cometido dos outros dous relatorios programados na primeira xornada deste curso, que, xa en quenda de tarde, inclúe a celebración dun obradoiro de cosmética natural. A comitiva deste curso de verán da USC trasladarase na xornada do día 27 á Estación Científica de Seoane do Courel para realizar unha visita de prácticas pola Serra do Courel guiada por Manuel Antonio Rodríguez Guitián e María Moure e Ruth Barrios. Xa pola tarde, Antonio Rigueiro e María Moure Oteyza impartirán cadanseu relatorio sobre a importancia das plantas medicinais en Galicia e sobre o usos das mesmas na Serra do Courel. Unha saída de recoñecemento de plantas medicinais na Reserva da Biosfera Terras do Miño, guiada por Rodríguez Guitián, Rosa Romero, Antonio Rigueiro e Ruth María Barros abrirá o programa do curso o 28 de xullo. Xa en quenda de tarde, este foro inclúe dous relatorios sobre Influencia dos factores ambientais na síntese e concentración de principios activos, a cargo de Pilar Fernández, e sobre o cultivo ecolóxico de plantas medicinais, con Belén Díaz Fernández. Os plans de Acción das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, os fungos medicinais e a importancia económica do aproveitamento das plantas medicinais centrarán as sesións programadas para a última xornada deste curso da Universidade de Verán 2016 da USC. As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste seminario formativo, que non conta con límite de prazas, poden facelo a través da web da Universidade de Verán 2016 da USC, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste curso, para o que está aberta a matrícula.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.06.2016.