Ir o contido principal

A Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC lanza a sétima edición do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural

Alumnos e docentes da última edición do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural promovido por Pemade
Alumnos e docentes da última edición do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural promovido por Pemade
O prazo de inscrición no posgrao propio da USC organizado por Pemade permanece aberto na web ata finais do mes de xuño

A Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) do Campus Terra da USC lanza unha nova edición do Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural, cuxo prazo de pre inscrición está aberto ata finais de xuño na web de Pemade. Este título propio da USC, de carácter semipresencial e estruturado en 800 horas de formación, conta co patrocinio da Deputación Provincial de Lugo e da Fundación Laboral da Construción.

O Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural promovido por Pemade é un posgrado dirixido polo catedrático da USC Manuel Guaita que comprende 16 módulos formativos. A programación deste posgrao abrangue unha temática ampla que vai desde o coñecemento das propiedades da madeira, o cálculo estrutural a través de software específico ata a intervención e rehabilitación de estruturas xa existentes.

O cadro docente responsable de impartir os distintos contidos incluídos neste título propio da USC está formado por máis de medio centenar de profesores, entre os que se atopan docentes da USC e doutras universidades españolas e internacionais, así como destacados profesionais do sector. As sesión presenciais programadas desenvolveranse principalmente en quenda de venres e sábado, aínda que é posible seguir en liña algunhas das clases. A realización dun proxecto final de máster e diversas viaxes de prácticas completan a carga lectiva e a formación deste posgrao de características singulares e exclusivas da universidade española.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.06.2017.