Os poetas Adonis e Valente xa teñen as súas respectivas inscricións no Xardín das Pedras que Falan
O Xardín das Pedras que Falan, anexo ao Colexio de Fonseca, alberga dende este venres, 4 de novembro, dúas inscricións dedicadas ao poeta galego José Ángel Valente e ao poeta sirio Adonis. “Estamos satisfeitos de que cada vez haxa máis pedras que falen en linguas diferentes”, afirmou o reitor da USC, Antonio López, na apertura dun acto que contou coa presenza do alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo; do propio Adonis, que se desprazou expresamente dende París, onde vive exiliado; e do profesor da USC, Claudio Rodríguez Fer, en condición de director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da institución compostelá. Ademais, xa en quenda de tarde, o poeta sirio e reiterado candidato ao Premio Nobel de Literatura participa nun recital dedicado á súa obra no Salón Nobre de Fonseca.
Adonis
O poeta Adonis é un dos principais autores en árabe na actualidade. Naceu e formouse en Siria, pero viviu moito tempo no Líbano, ata que finalmente se exiliou en París. Alí exerceu como delegado da Liga Árabe na UNESCO e como profesor de literatura árabe na Sorbona, pero tamén exerceu a docencia como profesor e investigador visitante en Xenebra, Princeton e Berlín. En 2012, foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade da Alta Bretaña, en Rennes, coincidindo co mesmo nomeamento do escritor galego Claudio Rodríguez Fer, con que mantén amizade e colaboración literaria dende entón.
Moi novo adoptou o seu pseudónimo pagán, Adonis, nome do vello mito de orixe sumeria, babilonia e fenicia adoptado polos gregos que o liberou das ataduras relixiosas do seu nome familiar. Segundo Claudio Rodríguez Fer, "Adonis modernizou a poesía árabe e mundial cun experimentalismo aberto que combina o verso libre co poema en prosa, a composición brevísima co poema torrencialmente extenso, a estrutura dramática con diálogos imposibles, por exemplo con Lincoln ou con Whitman. Ademais, Adonis achegouse deliberadamente á poesía máis visionaria de Federico García Lorca, con cuxo Poeta en Nueva York dialogou na obra expresionista Epitafio para Nova York, moi crítica co capitalismo salvaxe e co imperialismo norteamericano".
Valente
José Ángel Valente, nacido en Ourense en 1929 e falecido en Xenebra en 2000, está considerado como “un dos escritores máis importantes das letras hispánicas do século XX, e tamén un dos intelectuais máis europeos da mesma época por vivencia biográfica, por vocación ideolóxica e por asimilación cultural. Así o reflicte a súa obra creativa, tanto poética como narrativa, e a súa lúcida reflexión intelectual a través do seu ensaio ou da súa propia metaliteratura, expresión sempre dunha verdadeira vangarda integral e dunha esixente conciencia crítica no ético e no estético”, explican dende a Cátedra Valente da USC.
Esta cátedra institucional creouse tras a doazón feita polo poeta galego á Universidade de Santiago de Compostela do seu arquivo e biblioteca persoais. En consecuencia, a primeira función da Cátedra é a custodia, catalogación e estudo do importante material doado, así como a organización de actos e a publicación de obras relacionadas co legado recibido. Non obstante, a actuación da Cátedra, denominada de Poesía e Estética por desexo do propio escritor, está aberta ás múltiples conexións interdisciplinarias e interartísticas que a obra de Valente establece coa poesía e coa estética en xeral.