O prazo para participar no estudo da fenda salarial no eido docente e investigador segue aberto ata o 1 de novembro
Abordar a fenda salarial e o seu impacto no ámbito profesional nas mulleres docentes e investigadoras é a finalidade que perseguen os grupos de debate impulsados pola Oficina de Igualdade de Xénero e o Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX), cuxo prazo de inscrición mantense aberto ata o 1 de novembro. Deste xeito, quérese afondar nas dificultades e atrancos que se producen ao longo da carreira investigadora.
En concreto, ofrécense tres datas para participar nos debates (16, 21 e 22 de novembro), se ben se recomenda inscribirse nas sesións dos días 16 e 22 xa que contan con máis ocos libres. No grupo participarán entre oito e doce mulleres Persoal Docente e Investigador (PDI) e Persoal Investigador (PI) e será moderado por unha persoa do equipo técnico da investigación. A duración do grupo será dun máximo de dúas horas en horario de 17.00 a 19.00 horas. A inscrición pode formalizarse a través dun formulario electrónico.
Esta acción desenvólvese no marco dun convenio entre a Deputación Provincial da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela para o financiamento da programación de actividades de formación, investigación e transferencia do CIFEX no ano 2023.