Presentación do catálogo do XVI Maratón Fotográfico de Lugo Cultural
Os traballos dos 46 participantes da decimo sexta edición do Maratón Fotográfico do Campus de Lugo poderanse ver do 14 de decembro ata o 23 de xaneiro na sala de exposicións do centro de convivencia Uxío Novoneyra de Lugo.
Esta actividade enmárcase no conxunto de actividades da programación Lugo Cultural impulsada pola USC, o Concello de Lugo, a Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Xunta e a Fundación Caixa Galicia e está xestionada pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade. A inauguración da mostra e a presentación do catálogo deste maratón terá lugar este martes 14 ás 20:30 horas. Nela estarán presentes o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade da USC, Javier Garbayo Montabes; a concelleira de Cultura de Lugo, Nuria Mundiña López e o xerente da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez Rodríguez. O coordinador do espazo fotográfico da USC, Eduardo Ochoa, e o fotografo lucense Carlos Valcarcel, figura homenaxeada no certame fotográfico de Lugo Cultural e que lle dá nome a un dos premios do maratón, tamén asistirán a este acto de apertura da exposición e presentación do catálogo. A temática das imaxes analóxicas e dixitais que poderemos ver está centrada na Muralla e nos olores, así coma noutros aspectos de libre elección no caso das fotografías analóxicas. A mostra poderase visitar no centro de convivencia Uxío Novoneyra en horario de 16:00 a 21:00 horas a partir deste mércores.