Ir o contido principal

Presentada a memoria económica de 2011 da Universidade de Santiago

Na súa xuntanza de hoxe o Consello de Goberno da Universidade de Santiago deu o seu visto bo á Memoria Económica da USC de 2011, que inclúe o informe de xestión e as contas anuais, as primeiras que se fan aplicando o Plan Xeral de Contabilidade Pública. Segundo o documento, a liquidación orzamentaria da USC en 2011 foi equilibrada en tanto que aínda que o resultado orzamentario dese exercicio é negativo o remanente de tesourería, próximo aos 80 millóns de euros, permite atender as obrigas contraídas pola institución que a USC mantén en 2012. A isto súmase que a cifra de dereitos recoñecidos pendentes de cobro a favor da USC é de 44,28 millóns de euros, fundamentalmente pola demora dos cobros das administracións central e autonómica. PETIC III O Consello de Goberno trata tamén este luns a aprobación do seu terceiro Plan Estratéxico das Tecnoloxías da Información e Comunicacións (PETIC III) para o período 2012-2015. O documento, durante un tempo aberto ás achegas da comunidade universitaria, recolle numerosas accións enmarcadas en seis liñas estratéxicas xerais como son TICe docencia - TIC nos procesos de ensino-aprendizaxe; TIC e Investigación - As TIC como ferramenta de axuda ao persoal investigador; Sistemas de xestión universitaria e servizos de administración electrónica; Xestión, análise e difusión da información institucional; Formación, cultura e modelo TIC sostible; e Organización e gobernanza das TIC. Este terceiro plan resulta da remodelación do modelo proposto pola Conferencia de Reitores de Universidades Españolas adaptado á realidade da USC e aos seus obxectivos estratéxicos xerais. Na súa realización participou activamente a Área de Tecnoloxías da Información e a Comunicación da USC xunto cun equipo de 29 persoas. Outros asuntos A reunión do Consello de Goberno, que aprobou por unanimidade o regulamento do Centro de Linguas Modernas que este mesmo mércores inaugurará as súas novas instalacións na Casa dos Catedráticos, continúa esta tarde con outros puntos do día, como o terceiro Plan Estratéxico das Tecnoloxías da Información e Comunicacións (PETIC III) para o período 2012-2015 da USC, o as propostas dos máster en Enxeñaría Agrónoma e de Montes ou o regulamento de Estudos de Doutoramento da USC. Outros puntos a tratar son a modificación da normativa do Centro de Posgrao e a modificación e reestruturación da Escola de Doutoramento de Ciencias Biomédicas e Tecnoloxías da Saúde como Escola de Doutoramento Internacional da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.06.2012.