Ir o contido principal

Presentada a oferta formativa dos espazos culturais do Campus de Lugo

Javier Garbayo e Paloma Lugilde nun momento da presentación
Javier Garbayo e Paloma Lugilde nun momento da presentación

A USC presentou hoxe as actividades culturais para o presente curso 2010-2011 no Campus de Lugo nun acto no que o Vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo, destacou o afán da institución universitaria por “impartir cultura” ao conxunto da cidadanía e a apertura destas actividades máis aló do propio alumnado, ofertándoas ao conxunto da sociedade. O programa, formado por unha serie de cursos, obradoiros e creación de grupos artísticos en diversas disciplinas, foi dado a coñecer por parte da directora da Oficina de Cultura do Campus de Lugo, Paloma Lugilde. A programación estrutúrase dentro de catro apartados que se corresponden cos espazos artísticos consolidados a partir das aulas de formación, que foron incorporando aspectos como a experimentación, a creación ou a produción e distribución de produtos culturais: o Espazo de Danza Universitaria, o Espazo de Creación Musical, o Espazo Fotográfico e a Aula de Teatro. Disciplinas como a danza, con iniciativas como a creación coreográfica, a danza contemporánea ou os bailes de salón compoñen a oferta para este curso, xunto con obradoiros e cursos de teatro dirixidos por recoñecidos profesionais aos que se engaden as actividades de creación musical ou improvisación, tamén dirixidos a grupos xa formados. A fotografía, tanto analóxica como dixital, tamén terá cabida este ano, no que se introducen iniciativas de formación en I+D+I aplicada ás artes e novas tecnoloxías. Entre as novidades está a intención de que a partir do espazo de fotografía, xurda un grupo fotográfico da Universidade e centrado na cidade de Lugo, ou a incorporación do hip- hop e o brakedance á oferta do espazo de danza. Da mesma maneira, e dada a grande resposta da cidade a estas actividades en anos anteriores, organizaranse importantes eventos vinculados directamente aos espazos artísticos universitarios como son as iniciativas Sons Creativos ou o Festival Internacional de Teatro. No acto de presentación estiveron presentes o coordinador da área de teatro, Alberte Cabarcos; o responsable do espazo fotográfico, Eduardo Ochoa; a directora do grupo de creación musical da USC; Inmaculada Cárdenas, e o director do espazo de danza; Juan Carlos Zahera.

O prazo de matricula nestas actividades, recoñecidas con créditos de libre configuración, estará aberto ata o 29 de outubro ou ata a cobertura da totalidade das prazas.

Os responsables dos distintos espazos culturais tamén asistiron á presentación

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.10.2010.