Ir o contido principal

Presentadas en Consello de Goberno as Contas Anuais de 2018

A sesión celebrouse, como é habitual, no Salón Reitoral de San Xerome. Foto: Servimav-USC
A sesión celebrouse, como é habitual, no Salón Reitoral de San Xerome. Foto: Servimav-USC
A USC pecha o exercicio cun déficit de 1,14 millóns de euros, determinado polo actual nivel de financiamento
Lugo, Santiago de Compostela

As Contas Anuais da USC correspondentes ao exercicio 2018 obtiveron este venres a aceptación do Consello do Goberno, documento que se completa co informe sobre a xestión dos recursos económicos do pasado exercicio. Segundo a información presentada, a Universidade compostelá pecha 2018 cun déficit de 1,14 millóns de euros en termos de contabilidade nacional. Como informou o xerente Javier Ferreira ante o órgano colexiado, o déficit vén determinado polo actual nivel de financiamento que recibe a USC así como por sucesivas medidas adoptadas dende a administración estatal e autonómica, como o incremento retributivo experimentado polo persoal nese exercicio, sen que teña sido cuberto coa correspondente achega económica por parte da administración.

Como se explicou na xuntanza, as cifras sinalan a necesidade dun novo plan de financiamento que asuma a realidade singular da USC, tanto dende o punto de vista da súa infraestrutura, como do seu cadro de persoal ou da súa capacidade no conxunto do sistema investigador galego. O xerente sinalou tamén que a ausencia dun novo plan de financiamento obrigaría a demandar o incremento das contías que os orzamentos autonómicos destinan ao Sistema Universitario Galego.

As Contas Anuais da USC inclúen o balance de situación, a conta de resultado económico patrimonial ou o estado de cambio no patrimonio neto, este último constituído á súa vez polo estado de ingresos e gastos recoñecidos e as operacións con entidades propietarias. Tamén se inclúen a liquidación do orzamento de ingresos e gastos, o resultado de operacións comerciais ou o resultado orzamentario.

Sede.usc.gal
O Consello aprobou tamén a modificación do regulamento polo que se implantan medios electrónicos que facilitan o acceso da cidadanía aos servizos públicos da USC e se crean a sede electrónica, o rexistro electrónico e o taboleiro de anuncios. Deste xeito incorpórase ao regulamento o recoñecemento do dominio .gal e, especificamente, os enderezos electrónicos de referencia da sede da USC, que unha vez que se publiquen no DOG serán https://sede.usc.gal ou https://sede.usc.es. Do mesmo xeito, a modificación tamén recolle que calquera destes dous enderezos darán acceso ao Rexistro Electrónico da USC.

Outros temas
O órgano colexiado aprobou tamén a participación da USC na Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE), unha asociación sen ánimo de lucro e de ámbito internacional constituída polas universidades e institutos politécnicos de Galicia, Castela-León, Asturias, Cantabria, rexións norte e centro de Portugal. A súa finalidade é contribuír á potenciación e mellora da educación superior a través da cooperación interuniversitaria, o diálogo entre as universidades e os axentes sociais e a cooperación institucional cos gobernos rexionais e estatais.

Outros puntos incluídos na orde do día son os complementos por avaliación de méritos docentes 2018, a reposición de vacantes, comisións de selección de prazas de profesorado, a modificación de memoria de dobres titulacións de grao ou diversos regulamentos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.01.2020.