Ir o contido principal

Presentadas oito candidaturas á décimo primeira edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Serán oito as candidaturas que este ano concorran á décimo primeira edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, promovido pola USC e o grupo Aresa, que engloban a totalidade das áreas dende as que se pode optar ao galardón e vinculadas aos sectores agrícola, gandeiro, forestal, agroalimentario e medioambiental. Nas vindeiras datas reunirase o grupo da USC, integrado polo reitor, Juan Casares Long e o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, co presidente do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, co fin de compoñer o xurado que seleccionará o proxecto gañador. O premio Aresa Este galardón, dotado cun premio de 10.000 euros, recoñece e incentiva o I+D nos eidos agrícola e gandeiro como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas que traballan na zona rural galega, con especial atención ás particularidades da economía luguesa, dando prioridade á sustentabilidade dos recursos naturais e o respecto á natureza. Persoas a título individual, grupos de investigación, institucións, asociacións, empresas ou calquera outro tipo de entidade que contribúa ao desenvolvemento da economía rural galega poden optar a este recoñecemento tamén dende as traxectorias persoais ou institucionais. Once anos de traxectoria O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural naceu no ano 2000 por iniciativa do presidente da corporación coa intención de favorecer o desenvolvemento e a promoción do medio rural galego. Nesta aventura colleu da man á Universidade de Santiago de Compostela, vinculada ao sector labrego polas múltiples titulacións relacionadas coa agricultura, a silvicultura e a gandería que ofrece. Os once anos de traxectoria outórganlle ao premio un sentido especial, xa que esta celebración confirma que se trata dun certame moi recoñecido e asentado na sociedade galega e no sector profesional ao que se dirixe, acadando grande importancia pola súa permanencia, polos currículos dos premiados en todas as edicións e pola dotación económica da que vén acompañado. O grupo empresarial Ingapan de Lugo foi o premiado da pasada edición polo traballo desenvolvido no avance da alimentación e da agricultura en Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.10.2010.