Ir o contido principal

Preséntase en Filoloxía o máster interdisciplinar de Lingüística Computacional

Este é o terceiro programa de Capacity Building coordinado pola USC, que ocupa o terceiro posto na coordinación de proxectos de mobilidade en Europa

A Facultade de Filoloxía acolle esta semana unha xornada organizada polo seu Servizo de Relacións Exteriores no marco dos programas ‘Capacity Building’. Trátase de compartir a experiencia do máster interdisciplinar en Lingüística Computacional coordinado pola USC para que este esquema de formación de éxito contrastado se implante nas máis de 20 universidades e organismos públicos asociados a este proxecto e que pertencen a países como Uzbekistan ou Kazajistán.

Este é o terceiro programa de Capacity Building coordinado pola universidade compostelá, que ocupa o terceiro posto na coordinación de proxectos de mobilidade en Europa.

Na sesión, o xefe do Servizo de Relacións Exteriores da USC, Enrique López Veloso, explicou en profundidade como se implantará o modelo deste posgrao, que se imparte combinando docencia presencial e en liña e que busca establecer sinerxías entre universidades para promover a investigación conxunta así como atopar fórmulas eficientes que fomenten o diálogo intercultural e simplifiquen a integración na economía mundial.

Na xornada inaugural interviñeron a vicerreitora de Internacionalización, Almudena Hospido, e a decana da Facultade anfitrioa, María José López Couso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.02.2018.