Ir o contido principal

Preséntase unha plataforma colaborativa para o coñecemento e xestión horizontal da biodiversidade galego-portuguesa

www.biodiversidade.eu posúe xa 16.963 rexistros xeográficos da flora

Un equipo multinacional liderado polo Departamento de Botánica da USC é o responsable da posta en marcha da plataforma www.biodiversidade.eu, unha ferramenta de traballo contra a degradación dos hábitats naturais de Galicia e o Norte de Portugal que se presentará este xoves 19 en rolda de prensa. Será ás 11.30 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca e nela participarán Santiago Ortiz e Miguel Serrano, do Departamento de Botánica, e Álvaro Gómez Andrade, da Navalla Suiza, empresa encargada da realización do espazo web. A plataforma pretende ser un espazo colaborativo de referencia para o coñecemento da biodiversidade galego-portuguesa e a súa xestión horizontal por parte da cidadanía. A xénese do portal está no proxecto Biodiv_GNP, financiado con fundos de cooperación territorial europeos. Ata o momento posúe xa 16.963 rexistros xeográficos, que abranguen a totalidade do coñecemento actual sobre a flora ameazada do noroeste ibérico e un volume moi importante da endémica e subendémica, mais ten o obxectivo de atinxir todos os grupos taxonómicos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.12.2013.