Ir o contido principal

Preséntase unha reedición facsimilar dos Ensaios en galego de Ramón María Aller

Ás 12:30 horas na Galería Sargadelos de Santiago

Entre 1931 e 1934, na xa desaparecida revista Logos, Ramón María Aller Ulloa publicou unha serie de ensaios froito da súa intensa relación con destacados membros do Seminario de Estudos Galegos, do que formaba parte dende 1928. Esta produción valeulle a consideración a Ramón Mª Aller como un dos precursores do uso do idioma galego nas ciencias matemáticas, físicas e na natureza e o primeiro no eido da astronomía.
Ese conxunto de ensaios volve estar de actualidade ao presentarse este martes 10 unha reedición facsimilar que os recolle nun volume a cargo do Observatorio Astronómico da USC e da Delegación en Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). A primeira edición que recolle os oito ensaios fora publicada pola Deputación de Pontevedra en 1989 grazas á iniciativa de Xosé Filgueira Valverde.
A presentación da obra terá lugar ás 12:30 horas na Sala Sargadelos de Santiago, que precisamente alberga unha exposición filatélica e outra sobre o ilustre astrónomo. No acto participarán o director do Observatorio Ramón María Aller, José Angel Docobo; o coordinador institucional do CSIC en Galicia, Uxío Labarta; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Juan José Durán; o catedrático da USC e académico Francisco Díaz-Fierros; e o sobriño de Ramón María Aller, Victorino Gutiérrez Aller.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.11.2009.