Preto de 300 persoas reúnense nas xornadas do CIFEX para abordar xénero e innovación cunha ollada interdisciplinaria

As Xornadas Internacionais de Formación, Educación, Xénero e Igualdade do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC (CIFEX) botaron a andar este luns 9 baixo o lema ‘Gendered Innovation’. A delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro, e a directora do CIFEX, Teresa Moure, foron as encargadas de dar a benvida ás preto de 300 persoas inscritas que ata o martes 10 reflexionarán na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais sobre a oposición aos estudos de xénero e movementos anti-feministas, os proxectos pioneiros para o impulso da igualdade na Universidade, a igualdade e a revolución dixital, a perspectiva de xénero na innovación docente e na investigación, así como o activismo neste eido. As sesións contan co financiamento da Deputación da Coruña.
Segundo Marta Pérez Pereiro, as xornadas achegan luz a un ámbito estratéxico para a Universidade xa que a “perspectiva de xénero serve tamén para innovar e para transformar”, afirmou. Neste senso, destacou a importancia de establecer “alianzas estratéxicas” que contribúan a seguir avanzado nese camiño. Pola súa parte, a profesora Moure salientou a importancia do enfoque diverso dunhas xornadas nas que se abordará “o impacto do xénero nas nosas disciplinas”, en relación aos diferentes eidos do saber presentes neste foro.
Contra o acoso
A primeira das xornadas tamén serviu para dar a coñecer o proxecto ‘Contra o Acoso’ impulsado pola Oficina de Igualdade de Xénero (OIX) que está centrado na prevención e atención do acoso sexual, por razón de sexo ou por razón de orientación sexual e identidade de xénero na comunidade universitaria. No marco desta iniciativa, lánzase un chamamento á comunidade universitaria para formar parte deste proceso participando en diferentes espazos de reflexión e traballo colectivo.
Trátase de espazos seguros dirixidos a alumnado, PDI, PAS do Campus de Lugo e de Santiago para recoller narrativas relacionadas co acoso sexual, acoso por razón de sexo, acoso por orientación sexual ou acoso por identidade de xénero; así como mesas de traballo colectivo para reflexionar sobre o acoso e o protocolo dirixido a alumnado, PDI, PAS do campus de Santiago.
Estas actividades estarán dinamizadas por persoal especializado en facilitación de grupos, prevención e atención en casos de violencia machista. As dinámicas estarán coidadas e gozarán das garantías para ser un espazo seguro dende a perspectiva feminista e LGBTQI+. As persoas interesadas xa poden formalizar a súa inscrición a través dun formulario electrónico.
Ciclo de Palestras
O ciclo de palestras LGBTIQ+ na USC, outra das iniciativas impulsadas dende o CIFEX, comezou o pasado venres 6 e estenderase ata o 24 de novembro na Facultade de Filoloxía, os venres 20 e 27 de outubro e 10, 17 e 24 de novembro. A primeira sesión contou coa intervención do docente Lucas Platero titulada ‘Educar (para) as identidades fluídas’ e continuou coa profesora Helena Miguélez-Carballeira falando sobre ‘O xénero do país no imaxinario nacionalista galego’. A seguinte sesión das palestras será o día 20 con dúas conferencia de Joana Magalhães e Carme Adán para falar sobre ‘A noción de innovación de xénero e o queer na investigación científica’ e ‘Epistemoloxías do queer: identidade e disidencia sexual en Galicia’, respectivamente.
O desenvolvemento dos estudos queer é unha das dúas liñas nas que está a traballar actualmente o CIFEX, xunto cos relacionados co eco-feminismo. O ciclo de palestras permite, en opinión da directora do centro, profundar na necesidade de atender a diversidade. Indo máis alá das particularidades de colectivos, esta iniciativa busca expandir a capacidade de análise sobre este tema abríndoo a todas as visións posibles, chamando a atención sobre o feito de que o xénero é algo común a todas as persoas.