Ir o contido principal

Preto de corenta científicos da USC, entre o 2% dos máis citados e influentes do mundo

O conxunto de datos desta versión do ránking en permanente actualización. FOTO: Santi Alvite
O conxunto de datos desta versión do ránking en permanente actualización. FOTO: Santi Alvite
Os catedráticos Juan Nieto e María José Alonso son os nomes da USC máis destacados nesta clasificación elaborada por investigadores da Universidade de Stanford, a organización SciTech Strategies e a empresa Elsevier
Lugo, Santiago de Compostela

Un total de 39 investigadores e investigadoras da USC sitúanse entre o 2% dos científicos máis citados e influentes do mundo en 22 campos científicos e 176 subcampos. Así o establece a base de datos elaborada por John P. A. Ioannidis da Universidade de Stanford, xunto con Kevin W. Boyack de SciTech Strategies e Jeroen Baas da empresa Elsevier. O catedrático de Análise Matemática Juan Nieto é o nome da USC que aparece na posición máis destacada, seguido da catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, María José Alonso.

Manuel A. López-Quintela, Felipe Casanueva, Andrés Baselga, Néstor Armesto, Jesús F. Salgado, Juan C. Reboredo, Carlos Diéguez, Alberto Cabada, Miguel López, Carlos A. Salgado, Jesús L. Romalde, M.L. Loureiro, Francisco Orallo, Ricardo Riguera, Luis M. Botana, E.G. Ferreiro, Pilar Bermejo Barrera, Ángel Carracedo, Juan M. Lema, Carmen Álvarez, R. Cela, Christopher Phillips, E. Zas, A. Arce, C. Adam, I. Rodríguez, Alejo Carballeira, Alicia E. Toranzo, Gumersindo Feijoo, Carlos Pajares, Klaus von Gadow, María Teresa Moreira, Ana Soto, Gonzalo Vázquez, F. Macías e María Victoria Lareu, completan a listaxe de científicos da USC.  

Por campos científicos, a USC destaca en Medicina clínica, así como no campo relativo a Física e astronomía, con oito investigadores respectivamente. Cinco son os investigadores destacados en Química; e catro, en Ciencias da terra e medioambientais. En Economía e Negocios, a USC sitúa a tres investigadores, tal e como sucede en Agricultura, Pesca e Ciencias Forestais. Enxeñaría, o campo relativo a Matemáticas e Estatísticas, así como á Investigación Biomédica abarcan dous científicos da USC cada un; mentres que un científico da USC destaca en Bioloxía e outro en Tecnoloxías Estratéxicas.

Esta base de datos está integrada por preto de 160.000 científicos e científicas e proporciona información estandarizada sobre citas, índice h, índice hm axustado por coautoría, citas a artigos en diferentes posicións de autoría, así como un indicador composto. O conxunto de datos desta versión do ránking en permanente actualización, baséase na instantánea do 6 de maio de 2020 extraída da base de datos Scopus e constrúese a partir do estudo de oito millóns de autores de todo o mundo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.03.2021.