Ir o contido principal

A primeira promoción do máster en Industria e Economía Leiteira presenta este xoves os seus proxectos en Lugo

O prazo de matrícula para a terceira edición está aberto ata o vindeiro 10 de setembro

Nove alumnos da primeira promoción do programa de posgrao en Industria e Economía Leiteira que se imparte na Escola Politécnica Superior de Lugo presentarán este xoves día 15 os seus proxectos fin de máster. A exposición dos traballos comezará ás 10:00 horas no Salón de Actos do Ibader e prolongarase ata as 19:00 horas. Os traballos, algúns deles resultado da estadía dos autores durante tres meses en empresas galegas do sector leiteiro e en centros de investigación franceses, abordan diversas temáticas relacionadas coas empresas lácteas, dende a produción ou o sistema de envasado ata o estudo de puntos críticos de control nunha queixería ou os aportes nutritivos derivados da conduta alimentaria do gando vacún. Os profesores do máster Francisco Sineiro, Julio Seijas e José Blanco compoñen o tribunal, que completan algúns asesores externos do curso como é o caso de profesores do Agrocampus-Quest da Bretaña francesa. Prazo de matrícula O prazo para matricularse na terceira edición do curso de posgrao en Industria e Economía Leiteira está aberto ata o vindeiro 10 de setembro. Dirixido principalmente a titulados en Enxeñaría Agrónoma, Enxeñaría Técnica Agrícola na especialidade de Industrias Agrarias e Alimentarias ou en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, trátase dun máster interuniversitario, de dous anos de duración, organizado conxuntamente pola USC e a institución francesa de educación superior Agrocampus Rennes de Francia. O obxectivo principal deste programa, coordinado pola profesora Elvira López Mosquera, é ofrecer ao alumnado unha formación orientada á especialización profesional no campo da industria leiteira afondando na aplicación das novas tecnoloxías, nos sistemas de control de calidade na industria alimentaria ou na resolución de problemas nas distintas etapas de produción, procesado do leite e derivados e na xestión da industria do sector.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.07.2010.