Ir o contido principal

A primeira Regueifa de Ciencia, este venres sobre os transxénicos

A primeira Regueifa de Ciencia, este venres sobre os transxénicos
A primeira Regueifa de Ciencia, este venres sobre os transxénicos

Son os transxénicos unha opción válida e segura? En torno a esta pregunta xirará este venres 8 a primeira Regueifa de Ciencia, unha actividade de divulgación científica que conta co financiamento da Fecyt e que enfrontará a partir das 20.00 horas en Ciencias da Comunicación a catro especialistas na materia. O debate, de entrada libre, poderá seguirse en directo a través de USC-TV no enlace http://tv.usc.es/directo2.

Defendendo unha postura favorable participarán o profesor de biotecnoloxía da Politécnica de Valencia e director do Máster de Biotecnoloxía Molecular e Celular de Plantas, J.M. Mulet, e o catedrático da Politécnica de Madrid e autor das primeiras patentes sobre plantas transxénicas realizadas en España e vendidas no mercado internacional, Francisco García Olmedo.

Do outro lado, sostendo argumentos en contra, estarán a responsable de Agricultura e Alimentación de Amigos da Terra, Blanca Ruibal, e o entomólogo e profesor de Zooloxía e Bioloxía da Conservación na Facultade de Ciencias Ambientais e Bioquímica da Complutense, José Luis Yela.

A organización dos debates manterá unha postura imparcial e propón un formato moi coñecido como é o ‘Oxford’. Isto é, un moderador, dous bandos e tempos controlados; todo cunha gran formalidade. Para comprobar a efectividade deste tipo de confrontacións dialécticas, á entrada na sala preguntaráselle ao público –a través dun sistema de voto electrónico– cal é a súa postura inicial sobre o tema a tratar, que volverá ser preguntado xusto ao remate do debate.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.04.2016.