O primeiro Congreso Internacional sobre Fútbol e Psicoloxía ofrecerá unha aproximación a este deporte en perspectiva científica, racional e universitaria

Co obxectivo de abrir canles entre a Universidade e o contorno do fútbol que faciliten a transferencia de coñecemento en ambas direccións, a USC organizará entre os días 20 e 24 de xullo o Congreso Internacional sobre Fútbol e Psicoloxía. Segundo explica o responsable deste encontro, o profesor Constantino Arce, este é o primeiro congreso destas características que se realiza a nivel nacional e internacional. Os seus promotores agardan que o programa deseñado achegará unha análise do fútbol dende unha “perspectiva científica, racional e universitaria”. O programa do congreso comezará na Facultade de Psicoloxía o luns 20 ás 10.30 cunha sesión plenaria dedicada ao estudo da hipnose e a súa aplicación no deporte e continuará coa segunda sesión plenaria do día, a partir das 12.30 horas, na que se presentarán comunicacións baixo o tema común ‘Cohesión e liderado’. Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas celebrarase unha mesa redonda de adestradores coa participación de Ángel Cuéllar, do Cerceda; o ex xogador e adestrador nacional Javier Manjarín; Manuel Mosquera, do Deportivo B e directos da Escola Galega de Adestradores de Fútbol; e o seleccionador galego sub18, Luis Santiago. A partir das 18.30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca terá lugar a inauguración oficial do congreso na que ademais do presidente do Comité Organizador, Constantino Arce, participarán tamén o secretarios xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, quen fará unha visión xeral sobre o fútbol e o deporte español na actualidade con especial atención ao reto máis importantes. Nesta mesma sesión celebrarase unha homenaxe ao que fora xogador do Deportivo da Coruña, Fran. O congreso está dirixido a adestradores de fútbol, dirixentes de clubs, deportistas, psicólogos, preparadores e educadores físicos, xuíces deportivos, estudantes, profesores e investigadores, así como todo tipo de profesionais do ámbito futbolístico. O programa desenvolverase en base a relatorios, mesas redondas, pósteres e obradoiros prácticos cos últimos avances en técnicas de adestramento ou psicoloxía aplicada ao fútbol, con especial atención a cuestións relacionadas coa visualización, relaxación, coaching, fomento da deportividade e prevención da violencia, selección de talentos ou desenvolvemento de habilidades psicolóxicas. O congreso ten como argumento principal a psicoloxía, aínda que tamén terán cabida outros argumentos relativos aos últimos avances noutras moitas áreas de coñecemento como a preparación física, a rehabilitación de lexións, política e socioloxía do deporte ou dereito deportivo, entre outras cuestións. Organizado pola USC co apoio institucional da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, na organización deste encontro colaboran a Federación Galega de Fútbol, a Fundación Real Madrid, o Real Club Deportivo da Coruña, a Fundación Celta de Vigo, o Servizo de Deportes da USC, o Club Deportivo Lugo, a Sociedade Deportiva Compostela, a Unión Deportiva Concello de Barbadás, a Federación Española de Psicoloxía do Deporte, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, a Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte, EPSIDE (Asociación Galega de Especialistas en Psicoloxía do Deporte e a Actividade Física), a Deputación da Coruña e o concello de Santiago de Compostela.