Ir o contido principal

Produciriamos menos lixo se o pagamos “ao peso”?

Colectores de lixo empregados na experiencia piloto
Colectores de lixo empregados na experiencia piloto
Unha investigación da USC constata como un sistema de tarifas variable podería contribuír a que a cidadanía desenvolva prácticas máis sustentables á hora de acometer a xestión dos residuos urbanos
Santiago de Compostela

Un sistema de tarifas variables podería servir para que a cidadanía tome conciencia e se responsabilice dos problemas ambientais derivados dos residuos que produce? A investigación desenvolvida na USC por Álvaro Fernández Braña profunda nesta cuestión ao abordar o coñecido como ‘pay-as-you-throw’ (PAYT) —paga só polo que botas ao lixo— instaurado dende hai décadas en países da Europa Central como Alemaña, Austria, Chequia ou Suíza. O estudo da USC enmárcase no proxecto europeo LIFE PAYT que analiza o desenvolvemento experimental deste sistema en cinco localidades do sur da Europa pertencentes a Chipre, Grecia e Portugal. A investigación, froito da tese de doutoramento de Fernández Braña, conclúe que a medida que os prezos na tarifa do lixo se ven incrementados en función da cantidade de residuo producida, máis habitantes deciden adoptar prácticas sustentables.

O catedrático da USC Gumersindo Feijoo Costa dirixiu esta investigación xunto coa profesora da Universidade Aberta de Portugal, Célia Dias Ferreira. O estudo tomou como punto de partida os sistemas de pagamento do servizo de xestión de residuos desligados da súa xeración –caso das taxas de valor fixo, habituais en Galicia, ou vinculadas a unha variable allea á produción de residuos–, nos cales non existe recompensa para quen menos lixo produce. “Proba diso é que as porcentaxes de recolla selectiva de materiais reciclables tenden a ficar invariables nos últimos anos. Vólvese preciso, pois, atopar unha maneira efectiva de responsabilizar a cidadanía dos problemas ambientais derivados dos residuos que producen, e iso podería lograrse por medio das tarifas variables”, apunta Fernández Braña. “Porén, non está claro cales son as razóns de fondo que explican o éxito (ou fracaso) deste tipo de tarifas, nin en que medida poden incidir no medio ambiente as súas consecuencias”, engade o investigador.

Análise novidosa

Para dar resposta a estas cuestións, a tese valeuse principalmente da metodoloxía de Análise de Ciclo de Vida (ACV), para estudar os resultados prácticos obtidos nunha das localizacións experimentais, correspondente a un barrio específico da cidade portuguesa de Aveiro. O investigador fixo uso da ACV para modelar os efectos derivados da mudanza de comportamento da xente como resultado da adopción da nova tarifa. Esta pretensión obrigou a asociar unha técnica de análise ambiental como é a ACV cunha análise sociolóxica dos comportamentos desta poboación. Esta análise foi realizada desenvolvendo un Modelo Baseado en Axentes, que permitiu simular a reacción da comunidade á nova situación. “Esta ligazón entre dúas metodoloxías analíticas de ámbitos diferentes é novidosa na análise da xestión de residuos e abre un novo campo de posibilidades para novos traballos na materia”, apunta Fernández Braña.

Os resultados da simulación, baseada nos datos de campo obtidos, amosan que a medida que os prezos a pagar na tarifa do lixo aumentan, máis habitantes deciden adoptar prácticas sustentables. “O resultado confirma que non é unicamente o valor pagado na tarifa o factor que induce á mudanza de hábitos, senón a percepción que se ten, tanto de sometemento a un control externo, como do control interno da persoa sobre ese mesmo prezo por medio das súas accións”, aclara o investigador. Outros factores relevantes son a propia conciencia persoal no relativo á sensibilidade co medio ambiente, así como a concienciación exercida pola presión social da veciñanza. O grao de compromiso da cidadanía ten o seu reflexo no resultado ambiental: canto máis sustentable é o comportamento das persoas fronte ao lixo, menores son os impactos ambientais que este xera. Con todo, esta mellora é limitada. “A medida que o aumento do prezo da tarifa se incrementa, máis difícil se volve reducir aínda máis o impacto ambiental dos residuos, dado que a marxe de mellora dispoñible vai sendo cada vez menor”, matiza.

Tribunal e cualificación

Como resultado da tese, publicáronse diversos artigos en revistas científicas, así como contribucións a congresos internacionais especializados na temática da xestión de residuos. O tribunal encargado da súa avaliación e cualificación estivo presidido pola profesora da USC Sara González García, acompañada de Giuseppe Mancini, profesor da Universidade de Catania (Sicilia) e presidente da Asociación Italiana de Enxeñaría Ambiental e do Territorio; e o doutor Konstantinos Moustakas, investigador da Universidade Técnica Nacional de Atenas (Grecia). Este tribunal acordou por unanimidade conceder a cualificación de sobresaínte cum laude a esta investigación de doutoramento. Fernández Braña pertence ao Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS).

O investigador posa xunto cos directores da tese e o tribunal avaliador
O investigador posa xunto cos directores da tese e o tribunal avaliador
Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.12.2022.