Ir o contido principal

O profesor García Iglesias recibiu a Insignia de Ouro da USC

O profesor García Iglesias recibiu a Insignia de Ouro da USC
O profesor García Iglesias recibiu a Insignia de Ouro da USC

“O exercicio da Historia del Arte ten que ser honesto e rigoroso, pero exercitar o rigor non poder cortar as alas á imaxinación, e é que non se pode pretender explicar aquilo que é esencialmente creativo sen contar cunha certa dose de creatividade”. Así explicaba esta mañá o catedrático de Historia da Arte da USC José Manuel García Iglesias o seu proceder profesional, que o fixo merecedor da Insignia de Ouro da Universidade de Santiago que hoxe mesmo lle impuxo o reitor Juan Viaño.

“Partín e parto, no meu xeito de facer historia da arte, de entremisturar tres modos de ver: no tempo, desde o espazo e co sentimento”, dixo García Iglesias, que apelaba ao concepto de interpretación na historia: “explicamos a arte sempre desde a convicción de que é a nosa maneira de ver as cousas, pero non a única”.

Esa actitude profesional é unha das cualidades do profesor homenaxeado ensalzadas hoxe no concorrido acto pola encargada da laudatio, a profesora Ana Goy, e o reitor. “Pola súa formación, polo seu coñecemento, pola súa sensibilidade e por suposto, polo seu apego á USC, o profesor García Iglesias contribuíu dun xeito máis que notable á posta en valor, conservación e ampliación do patrimonio artístico da Universidade de Santiago de Compostela”, dixo o reitor.

Viaño lembrou ademais “o seu inmenso labor” como comisario xeral das exposicións do Quinto Centenario da Universidade compostelá celebrado en 1995, á par que se procedeu á rehabilitación da igrexa da Universidade “revitalizando o valor artístico e patrimonial dos retablos que acolle e permitindo dotarnos dun espazo único para exposicións e conferencias, aberto á comunidade universitaria e á sociedade”.

José Manuel García Iglesias García Iglesias licenciouse en 1973 na USC na Sección de Historia e Xeografía e dous anos máis tarde na de Historia da Arte. Doutorouse cunha tese sobre a pintura manierista en Galicia e é profesor da USC dende o curso 1974-1975. Doce anos máis tarde pasaría a ser catedrático e hoxe é o máis antigo da área de Historia da Arte en España.

Autor de 28 libros, coautor doutros 4 e de 94 capítulos, dirixiu 32 teses de licenciatura, 13 teses doutorais e numerosos traballos de fin de grao e máster. Ademais, forma parte do Grupo de Investigación Iacobus ‘Estudos de Arte e Patrimonio’ que dirixe o profesor Juan Manuel Monterroso.

Na parte investigadora, a profesora Ana Goy destacou os seus traballos pioneiros sobre a Pintura en Galicia durante a Idade Moderna, a súa achega ao estudo do Barroco, na que perfilou a visión xeral para o conxunto de Galicia pero tamén da catedral de Santiago, e a investigación da Arte Contemporánea Galega. Non obstante, un dos temas que está presente sempre na súa investigación él o Xacobeo e o culto a Santiago o Maior e o Menor.

Fóra da Universidade, foi director do plan de Recuperación da pintura mural galega, asesor da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental, presidente do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais e da Comisión de Programación e Coordinación de Iniciativas Culturais da Consellaría de Cultura e vicepresidente do Padroado do CGAC.

Nestes momentos está preparando dous libros, un sobre a pegada do franciscanismo no patrimonio cultural galego, e outro sobre a figura de Santiago o Maior nas catedrais de España. Ademais, está moi implicado nun futuro proyecto como é o Museo Virtual da Universidade de Santiago de Compostela.

Salón de Graos A cerimonia de imposición da insignia tivo lugar no Salón de Graos de San Xerome, un espazo sobre o que disertou o profesor García Iglesias, que achegou datos inéditos sobre o que en 1665 naceu como capela e que adquiriu o seu uso actual en 1980 por mandato do profesor Díaz y Díaz. Nesta sala atesóranse a vara do mestre de cerimonias (1833), a maza da Universidade (s XVII), unha alfombra de tempos de Isabel II e pinturas do fondo do museo da Trinidade no Prado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.02.2018.