Ir o contido principal

O profesor Izco Sevillano recibiu a homenaxe do Departamento de Botánica

Na homenaxe, o reitor impúxolle a Insignia de Ouro ao profesor Jesús Izco
Na homenaxe, o reitor impúxolle a Insignia de Ouro ao profesor Jesús Izco
O reitor impúxoselle a Insignia de Ouro da USC

O profesor Jesús Izco Sevillano acaba de recibir a homenaxe do Departamento de Botánica da USC co gallo da súa xubilación nun acto no que o reitor Juan Casares lle impuxo a Insignia de Ouro da USC en recoñecemento ao seu labor docente e investigador na institución docente compostelá. A imposición realizouse no transcurso dunha comida que contou coa asistencia dunha numerosa representación de amigos, familiares e compañeiros tanto no seo da propia USC como doutras universidades de España e de Italia. Interviñeron na homenaxe a decana da Facultade de Farmacia, Isabel Sandez Macho; a directora do Departamento de Botánica, Mª Jesús Aira; o presidente da Real Academia de Farmacia de Galicia, Isaac Gabriel Arias; e o profesor de Botánica Francisco Javier Amigo. Nunha sesión eminentemente emotiva, nas distintas intervencións deixouse constancia da traxectoria persoal e profesional do profesor Jesús Izco Sevillano quen acumula no seu currículo unha longa traxectoria docente na USC, e nas Universidades Complutense de Madrid e de León, con 160 publicacións científicas no seu haber, 87 libros como autor ou coautor, 12 teses de doutoramento dirixidas e múltiples estadías en centros de investigación españois e estranxeiros. Ao homenaxeado recoñecéuselle o seu labor no Herbario SANT e no Banco de Xermoplasma, coa Real Academia de Galicia e no deseño e desenvolvemento do Xardín Botánico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.02.2011.