Ir o contido principal

O profesor José Edelstein converte o detective Philip Marlowe en divulgador científico

José Edelstein
José Edelstein
O docente da USC acaba de ser recoñecido novamente nos premios Ciencia en Acción, nesta ocasión por un artigo no que explica aspectos da radioactividade en clave literaria

La atmósfera oscura del bar ofrecía un respiro al agobiante calor que despoblaba las aceras de Hollywood Boulevard. Jugueteando con una caja que le había dejado su último cliente, Philip Marlowe se dirigió a la barra y William se apresuró a estampar sonoramente frente a él una botella de bourbon. O profesor do Departamento de Física de Partículas José Edelstein traza neste ambiente o punto de partida do artigo El whisky radioactivo , un relato breve que converte o detective privado ficticio ideado por Raymond Chandler nun personaxe ao servizo da ciencia e a súa divulgación e polo que o docente da USC acaba de recibir unha mención de Honra de traballos de divulgación científica, na modalidade de medios de comunicación, nos premios de Ciencia en Acción.

No seu ditame, o xurado destacou a decisión de concederlle a mención de honra “por ser un artigo divulgativo escrito como un relato policiaco que os achega dun modo divertido e interesante a cuestións sobre a radioactividade”. O mesmo xurado destaca no ditame xeral de premiados “a alta calidade de todos os traballos presentados”. O texto de José Edelstein foi publicado en maio de 2014 na revista Qué pasa.

Outros recoñecementos

Esta non é a primeira vez que Ciencia en Acción premia un traballo do profesor Edelstein. En 2013 recibiu tamén a mención de honra pola serie de artigos divulgativos presentados na mesma revista (‘ El eclipse y la mariposa’ e ‘ Nada fascinante’) asinados xunto con Andrés Gomberoff e dos que o xurado destacara “a súa capacidade de achegar temas de actualidade da física moderna dun xeito atractivo e ameno, sen perder o rigor científico”. Tamén o CPAN premiouno en 2010 polo artigo ‘Antimateria, maxia e poesía’ –recoñecido tamén en 2012 no certame de comunicación científica da FECyT– e un ano máis tarde por ‘Ópera do neutrino en dous actos’. Entre os seus recoñecementos máis recentes atópase outra mención da honra, nesta ocasión outorgada no concurso de ensaios da Gravity Research Foundation. Divulgación

No mesmo ámbito da divulgación, José Edelstein iniciou hai uns meses a Serie Científica da Biblioteca de Divulgación, co volume Antimateria, magia y poesía e no que como explica o prologuista, o profesor da Universidade de Barcelona Jorge Wagensberg, proponse “unha viaxe polos cumios e as profundidades da física actual”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.07.2015.