O profesor Juan José Ares tomou posesión como novo director da Escola Universitaria de Relacións Laborais de Santiago
O profesor Juan José Ares Fernández tomou posesión esta mañá como director da Escola de Relacións Laborais de Santiago nun acto celebrado en San Xerome baixo a presidencia do reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, que centrou a súa intervención no proceso de adaptación das titulacións ao novo Espazo Europeo.
Tamén o novo director, que estará acompañado no seu equipo de goberno por Pilar Torréns como subdirectora e Marina Rodríguez como secretaria, situou a definición dos estudos de grado como o principal reto que ten que abordar nestes momentos a Escola. Neste senso, e ao amparo da necesaria adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, demandou que se corrixan “moitos dos problemas actuais que afectan especialmente no referente á carga e ao esforzo docente”.
Con respecto á conversión da actual diplomatura en grao, Juan José Ares manifestou a pretensión de que o novo título ‘Graduado en Relacións Laborais e Recursos Humanos’ sirva de acubillo a “maiores actuacións profesionais”, ademais das tradicionais, como dirección de recursos humanos; xestión, mediación e intervención no mercado de traballo; prevención de riscos laborais; administracións públicas; auditoría sociolaboral e ensinanza.
Ademais, falou do grande éxito do Posgrao Interuniversitario en Xestión e Dirección Laboral que, participado polas tres universidades galegas, “debe servir de exemplo para experiencias futuras que completen a formación básica que outorgará ao Grado de Relacións Laborais e Recursos Humanos.
Á intervención do profesor Ares seguiulle a do reitor, quen asumiu unha “certa presión de tempo” no proceso de adaptación das titulacións no que, recalcou, o deseño dos novos plans de estudo “debe estar centrado nos estudantes, primeiros beneficiarios”.
A este respecto, e á vista das protestas xeradas xa nalgúns centros que comezaron co proceso de adaptación, o reitor quixo emendar algúns dos “erros de interpretación que os estudantes cometen cando falan de Bolonia”. Así, afirmou, “non só non se privatiza a Universidade” senón que por vez primeira no sistema universitario público “os masters oficiais teñen prezos públicos”. “Tampouco –continuou- a oferta de títulos faise á demanda dos empregadores, senón que o que vai decidir esa oferta será a demanda dos futuros estudantes”. O reforzamento das prácticas, o proceso de ensino-aprendizaxe centrado no alumnos ou a substitución do catálogo oficial de titulacións por un rexistro de títulos son outras cuestións que o reitor salientou como positivas do novo espazo europeo de educación superior.
Juan José Ares FernándezO profesor Juan José Ares é profesor da Escola Universitaria de Relacións Laborais dende o ano 1984, ademais de impartir docencia na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Ata a actualidade era director do Departamento de Fundamentos da Análise Económica, e con anterioridade foi secretario da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e secretario do Departamento de Fundamentos da Análise Económica e do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA).
Ao abeiro deste último instituto desenvolveu boa parte da súa faceta investigadora participando nos últimos anos en numerosos proxectos. Así, pertence ao equipo de traballo que se encarga de elaborar os Informes Anuais e de Conxuntura publicados polo CIEF-Fundación Caixa Galicia. Ademais participou na elaboración do Plan Estratéxico da Provincia da Coruña e colabora habitualmente na realización de estudos de moi diverso tipo sobre a economía de Galicia.
A EscolaA Escola Universitaria de Relacións Laborais é un centro de longa tradición docente, remontándose a creación en Santiago de Compostela da antiga Escola Social ao ano 1942 e producíndose a súa integración na Universidade en 1991.
No presente curso 2007-2008 conta con case 1.000 alumnos, o que a sitúan no undécimo lugar no que a número de alumnos se refire entre os 25 centros existentes no campus de Santiago e Lugo.