O profesor Juan Vázquez recibe unha homenaxe polos seus corenta anos de actividade filosófica
O profesor da USC Juan Vázquez Sánchez será obxecto este xoves 28 dunha homenaxe que lle renden os seus compañeiros de facultade por “corenta anos de actividade filosófica” e ao que tamén asistirán os participantes no X Coloquio Compostelán de Lóxica e Filosofía Analítica que se desenvolve estes días en Compostela. O acto dará comezo ás 16:00 horas na Sala de Xuntas da Facultade de Filosofía cun relatorio do propio Juan Vázquez titulado ‘Os enunciados de percepción e o seu valor de verdade: a xustificación empírica do coñecemento’ que logo comentará o profesor da Universidade de Málaga Pascual Matínez Freire. Logo desta intervención desenvolverase unha mesa redonda na que participarán Pascual Martínez Freire; María Caamaño, de Valladolid; Sofía Miguens, de Porto; e José Luis Falguera, Uxía Rivas, José Miguel Sagüillo e Luis Villegas, da USC.