Ir o contido principal

O profesor Luís Míguez Macho tomou posesión este xoves como decano da Facultade de Dereito

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, presidiu este xoves 20 o acto protocolario de toma de posesión do decano da Facultade de Dereito, Luís Míguez Macho, nun acto celebrado no Salón de Graos do Colexio de San Xerome.
Tras o xuramento do seu cargo, o novo decano de Dereito desenvolveu unha intervención na que realizou un percorrido polas distintas etapas da súa vida académica e universitaria, moi vinculada á Universidade de Santiago e particularmente á Facultade de Dereito. Míguez Macho subliñou a súa vontade por encarnar, a través do traballo a desenvolver nos vindeiros anos, as formas académicas da “vella Universidade” entendidas como garantía da convivencia respectuosa entre os universitarios e como base para o desenvolvemento da liberdade académica.
A revalorización dos estudos de Ciencias Sociais será outro dos eixos que guiará o traballo do novo decano, que rexerá a Facultade de Dereito xunto cos profesores Santiago Bernardo Brage Cendan, Maria Isabel Lirola Delgado e Bernardino Jose Varela Gomez como vicedecanos e secretario, respectivamente.
Pola súa banda, Senén Barro destacou a magnitude da Facultade de Dereito, titulación con máis de 350 anos de historia, dentro do conxunto da USC e no Sistema Universitario Galego, tanto polo número de estudantes, como polo seu grao de calidade académica, proxección social ou capacidade investigadora. O reitor considera que o perfil deste centro compostelán pono en bo camiño para ser un centro líder, con capacidade para adiantarse aos acontecementos.
Neste senso centrou Senén Barro boa parte da súa intervención enfocada cara aos retos que o sistema universitario español deberá afrontar nos vindeiros anos no marco do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). Este espazo internacional precisa de “universidades líderes que respondan proactivamente liderando cambios positivos no seu contorno”. A outra escala, o reitor trasladou tamén este reto aos centros universitarios xa que “a forma en que afrontemos as responsabilidades vainos marcar o que seremos dende unha perspectiva interna e visto dende fóra”.
O reitor considera que a universidade compostelán está ben situada nesta aspiración cara ao liderado e lembrou como mostra a capacidade da USC na denominada terceira dimensión das universidades, a relativa ao emprendemento integral e responsable. A este respecto, Barro aposta por un mistura entre o individualismo e a colectividade, onde as aspiracións individuais son lexítimas e consubstanciais á propia evolución pero encardinadas dentro dos obxectivos comúns do grupo.
O profesor de Dereito Administrativo Luís Míguez Macho resultou elixido decano na Xunta Extraordinaria de centro celebrada o pasado mes de novembro nunha votación na que obtivo 47 votos a favor, 8 en branco e 3 nulos. Con anterioridade a ocupar o decanato do centro compostelán, Míguez Macho fora tamén secretario da Facultade de Dereito do Campus de Ourense.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.12.2007.