Ir o contido principal

A profesora Carmen Sarceda Gorgoso, primeira muller que asume o decanato da Facultade de Formación do Profesorado da USC

Carmen Sarceda, entre Santiago López e Marta Poncet, na Facultade de Formación do Profesorado da USC
Carmen Sarceda, entre Santiago López e Marta Poncet, na Facultade de Formación do Profesorado da USC
Santiago López, como vicedecano, e Marta Poncet, na secretaría académica, completan un equipo de dirección que aspira a facer do centro lugués unha referencia en España

A profesora da área de Didáctica e Organización Escolar da USC Carmen Sarceda Gorgoso vén de converterse na primeira muller que asume o decano da Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo, un cargo sucede ao profesor Francisco Rodríguez Lestegás, logo de completar oito anos á fronte do centro universitario lugués.

O profesor do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación Santiago López Gómez, que exercerá como vicedecano, e a tamén docente da área de Socioloxía da USC Marta Poncet Souto, na secretaría académica, completan o novo equipo decanal da Facultade de Formación do Profesorado, logo dun proceso de votación no que a súa candidatura recibiu o apoio do 70% dos 30 sufraxios contabilizados.

O equipo de goberno que lidera Carmen Sarceda asume o cometido do seu mandato con “compromiso, transparencia, ilusión, traballo, honestidade e ética”, coa pretensión de que o seu traballo contribúa a que a Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo se sitúe entre as mellores de Galicia e de España e goce de recoñecemento e internacional.

A progresiva mellora da reputación da Facultade de Formación do Profesorado da USC, un centro singular en Galicia e España e dos poucos que imparten a formación inicial de todo o profesorado de niveis non universitarios (Infantil, Primaria ESO, Bacharelato e FP), ademais doutros programas de máster e posgrao; a mellora da contratación, estabilidade e promoción do persoal docente e do PAS, a fin de acadar cotas de calidade máis altas, e a óptima capacitación e formación do alumnado, en aras a que poida dar resposta aos desafíos da sociedade, e a súa crecente implicación no funcionamento do centro, constitúen os tres grandes eixos que vertebran o programa do novo equipo que lidera Carmen Sarceda.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.03.2019.