O programa ConCiencia e o seu coordinador galardoados polo certame Ciencia en Acción
O concurso Ciencia en Acción, que celebrou en 2010 a súa undécima edición, acaba de premiar ao Programa ConCiencia cunha Mención de Honra e ao seu coordinador, o profesor Jorge Mira, coa Medalla de Honra do concurso. A entrega deste recoñecemento tivo lugar esta fin de semana durante a celebración da fase final do certame en Santiago de Compostela. Ciencia en Acción está considerado como o maior certame de divulgación científica e tecnolóxica de fala hispana e portuguesa. ConCiencia, unha iniciativa da USC e o Consorcio de Santiago, foi unha das cinco finalistas na categoría de ‘Divulgación’. O seu obxectivo é difundir entre a cidadanía a importancia que merece o saber científico como unha forma máis de cultura, contando para elo coa implicación das personalidades máis sobresaíntes do ámbito científico internacional. Dende o inicio das súas actividades en 2006, o programa tense convertido nunha das accións de divulgación científica de máis impacto social de Galicia. Por outra banda, o concurso decidiu igualmente concederlle a súa Medalla de Honra ao profesor Jorge Mira pola súa “ampla traxectoria na comunicación científica”. O docente xa recibira en edicións anteriores outras dúas Mencións de Honra e alcanzara o primeiro premio noutras dúas, tendo alcanzado a final da convocatoria en seis ocasións. O premio articulábase nesta edición nun total de dezaseis modalidades, premiando dende accións específicas de astronomía no eido educativo ata materiais para a aula, demostracións prácticas, material didáctico, publicacións escritas ou accións divulgativas entre outras. Ciencia en Acción Ciencia en Acción busca a aproximación da ciencia e a tecnoloxía ao gran público dun modo dinámico e entretido, estando dirixido a estudantes, profesores, investigadores e divulgadores da comunidade científica, en calquera das súas disciplinas.
Promoven esta iniciativa o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), a Agência Nacional para la Cultura Científica y Tecnológica de Portugal (Ciência Viva), a Real Sociedad Española de Física (RSEF), a Sociedad Geológica de España (SGE) y a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), co apoio da UNESCO, entre outros organismos.