Ir o contido principal

Propostas de Ciencias da Educación e de Dereito gañan os Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero

Estudantes nun grupo de traballo. Foto: Santi Alvite
Estudantes nun grupo de traballo. Foto: Santi Alvite
A esta décimo quinta edición presentáronse un total de 14 traballos

O xurado dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e a Investigación vén de dar a coñecer o ditame da décimo quinta edición deste certame, ao que se presentaron un total de 14 traballos repartidos equitativamente entre as dúas categorías. Na de docencia, o primeiro premio foi para ‘Cartografía socio-pedagóxica e corporalidade desde o feminismo’, de Lorena Añón Loureiro e Jorge García Marín, da Facultade de Ciencias da Educación. Na modalidade de proxectos de investigación, a gañadora foi Natalia Pérez Rivas polo seu traballo ‘A circunstancia agravante de aleivosía doméstica: a súa aplicación xurisprudencial ás mulleres vítimas mortais de violencia de xénero’.

O xurado decidiu outorgar o segundo premio na categoría de docencia a Patricia Alonso Ruido polo traballo ‘A educación ten faciana de muller’ e o terceiro a Enrique Latorre Ruiz pola iniciativa ‘Memorias feministas e LGTBIQ+ en movemento’.

Pola súa banda, na modalidade de proxectos de investigación o segundo premio recaeu en Damián Copena Rodríguez por un traballo sobre Consuelo González Ramos e a formación agraria feminina no primeiro terzo do século XX. ‘Accións para a igualdade de xénero no ámbito CTEM’, da autoría de María Encina Calvo Iglesias, foi o gañador do terceiro.

O xurado desta edición estivo presidido pola delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro, e actuou como secretaria a directora do Instituto de Ciencias da Educación, M Carmen Fernández Morante. Foron vogais as profesoras María José Domínguez Vázquez, Yolanda Maneiro Vázquez e María del Rocío García Pedreira.

Acción consolidada
Esta é unha acción consolidada dentro das políticas de promoción da igualdade efectiva entre mulleres e homes a través do potencial da incorporación da perspectiva de xénero en dúas das principais facetas da actividade universitaria en materia de xeración e difusión de coñecemento, a docencia e a investigación.

A convocatoria foi seleccionada polo European Institute for Gender Equality (EIGE) como unha das dez mellores boas prácticas de ‘Integración da igualdade de xénero nas universidades e centros de investigación europeos’ de entre máis de medio centenar de toda a Unión Europea. Esta práctica está incluída na ferramenta en liña GEAR tool que serve de apoio a organizacións investigadoras como as universidades para a creación, execución, seguimento e avaliación dos plans de igualdade de xénero.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.06.2024.