Ir o contido principal

Proxección do documental ‘O tesouro de Corcoesto’ e coloquio coa directora

Proxección do documental  ‘O tesouro de Corcoesto’ e coloquio coa directora
Proxección do documental ‘O tesouro de Corcoesto’ e coloquio coa directora

A realizadora Cora Peña charlará este xoves 28 coas persoas que asistan ás 17.00 horas no Auditorio de Ciencias da Comunicación á proxección do seu documental ‘O tesouro de Corcoesto’ sobre o polémico proxecto da mina de ouro na comarca de Bergantiños, unha actividade organizada pola Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC.

O documental aborda a contextualización do proxecto da mina de Corcoesto dende unha concepción ampla, atendendo a cuestións técnicas, sociolóxicas e económicas. Pretende ser unha ferramenta para a reflexión e o debate das consecuencias dun proxecto de alto impacto: a ameaza ao territorio debido á explotación a ceo aberto con tratamento de cianuro, unha das técnicas mineiras máis agresivas das practicadas no mundo, se contrapón ao desexo de desenvolvemento económico e social da contorna.

‘O tesouro de Corcoesto’ é un documental de produción independente, e contou coa axuda de 180 persoas e colectivos que colaboraron no seu financiamento a través do micromecenado para ser difundido gratuitamente baixo licenza copyleft.

A directora Cora Peña, dedicada profesionalmente ao formato documental e con especial afinidade cara aos temas medioambientais, conta cunha valiosa experiencia en relación co neoextractivismo grazas á súa longametraxe documental ‘Apash, los de fuera’, rodada na Amazonía peruana a partir do conflito dos indíxenas con goberno e multinacionais polo manexo da terra. Peña é licenciada en Imaxe pola UCM e graduada en Dirección de Fotografía pola Escola de San Antonio de los Baños (Cuba). Outros traballos seus son ‘A maleta de Sofía’, ‘Morreu o demo’, ‘Acabouse a peseta’ ou ‘Pacios’, así como docuseries para TV (‘Un país de lerias’ e ‘Terras de Merlín’) .

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.04.2016.