Ir o contido principal

O proxecto Elba forma en ‘Big Data’ a profesorado de dez universidades de Asia Central

O consorcio conta con preto dun millón de euros para afondar no desenvolvemento de novas competencias en tecnoloxías innovadoras
Santiago de Compostela

A USC acaba de impulsar un curso de formación  básica en cuestións relativas a Big Data para profesores de catro paises asiaticos que participan no proxecto ‘Establishment of Training and Research Centres and Courses Development on Intelligent BigData Analysis in CA’ (Elba). Un total de  66 profesores de dez universidades de Usbequistán,  Casaquistán, Tadxiquistán e Kirguizistán participaron de forma telemática no curso baixo a coordonación do profesor David Losada Carril. A formación foi impartida por profesorado da Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE), da Universidade Politécnica de Turín (Italia) e da Universidade de  Primorska (Eslovenia). Este evento en liña constitúe unha formación inicial dentro dun programa máis amplo dirixido ao persoal académico dos socios de Asia Central.

O proxecto acaba de celebrar tamén de xeito telemático a súa terceira reunión logo da reunión de arranque que tivo lugar en febreiro de 2020 na USC. Elba conta con preto dun millón de euros para a súa execución e afonda no desenvolvemento de novas competencias en tecnoloxías innovadoras que contribúan a mellorar o campo do Big Data Analytics, un paradigma de Intelixencia Artificial (IA) que aborda o tratamento de inxentes cantidades de datos. Esta iniciativa, de tres anos de duración, naceu para dar resposta á escaseza de profesionais cualificados para abordar a súa xestión, particularmente en determinadas áreas xeográficas.

“Este proxecto é unha oportunidade para fortalecer os lazos con outras institucións europeas e de Asia Central nun eido tan punteiro como o do Big Data Analytics”, indicou o investigador principal desta iniciativa e profesor da ETSE, David Losada. “Entre outros retos, o proxecto Elba pretende definir unha axenda para a mellora nas capacidades dos socios de Asia Central na formación e investigación en tecnoloxías Big Data, así como noutras tecnoloxías relacionadas”, sinala. As tarefas da USC están orientadas a mellorar a capacidade formativa dos socios de Asia Central, monitorizar e asesorar o desenvolvemento de plans de estudo en Big Data Analytics e proporcionar métodos e ferramentas de aprendizaxe en tecnoloxías intelixentes de procesado de datos masivos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.04.2021.