Ir o contido principal

Un proxecto europeo busca potenciar o emprendemento no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións entre as mozas de ensino secundario

Un proxecto europeo busca potenciar o emprendemento no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións entre as mozas de ensino secundario
Un proxecto europeo busca potenciar o emprendemento no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións entre as mozas de ensino secundario
A USC colabora co Cesga no desenvolvemento da súa aplicación práctica

Facilitarlle a mozas europeas que cursan secundaria o coñecemento, as habilidades e os valores para xerar futuras oportunidades de innovación e de creación de emprego de calidade relacionado co uso das tecnoloxías é a meta do proxecto europeo ICTGoGirls no que participa a USC baixo a coordinación do Centro de Supercomputación de Galicia. Este luns 12 e o martes 13 estase a celebrar en Santiago a reunión de arranque desta iniciativa. Esta é unha iniciativa na que se desenvolverá unha metodoloxía de aprendizaxe, as probas e a avaliación dun programa piloto para mellorar as habilidades emprendedoras das mozas que estudan educación secundaria a través das tecnoloxías da información e as comunicacións. A aplicación práctica correrá a cargo da USC, Die Berater (Austria), Spoleczna Akademia Nauk (Polonia), Instituto Fraunhoffer IAO-Stuttgart Uni (Alemaña), CVO Antwerpen-Zuid (Bélxica) e Donau-Universitat Krems (Austria). A profesora Beatriz Cebreiro, integrante do grupo de investigación en Tecnoloxía Educativa e directora do CETA, é a responsable por parte da USC neste proxecto. A primeira fase do proxecto consiste en analizar outras iniciativas postas en marcha con anterioridade en Europa e noutros territorios e orientar así os esforzos empregados no proxecto ICT-Go-Girls! na dirección máis idónea. A continuación definiranse metodoloxía, ferramentas e recursos para levar o proxecto a dous centros educativos de secundaria en cada país, facendo uso da experiencia das entidades participantes nos campos tecnolóxico, de negocios e educativo para aplicar finalmente o programa piloto. O esforzo completarase creando, seleccionando e adaptando contidos educativos e de entretemento que faciliten ás mozas de secundaria a motivación de achegarse ás TIC e a través delas conseguir o obxectivo de promover a cultura emprendedora entre as mulleres. O proxecto construirase ao redor de recursos e ferramentas de código aberto e accesible libremente, como as destinadas á creación de e-portfolios, simuladores de xogos, actividades educativas e de entretemento virtuais, deseño dixital, creación de redes sociais entre as propias mulleres participantes, construción de contornas en 3D, escaparates virtuais de compañías, concursos e xogos entre os centros de ensino participantes, entre outros puntos. O programa piloto probarase en dez institutos de secundaria dos cinco países participantes e unha vez que a metodoloxía e os recursos a usar sexan implementados, farase un esforzo para desenvolver un plan de explotación e tratar de manter en marcha a iniciativa unha vez que termine o proxecto de investigación. En Galicia estes centros pilotos serán o CPI O Cruce, en Cerceda e o IES Rosalía de Castro, en Santiago de Compostela. Unha vez probadas a plataforma e as ferramentas que se empregarán no proxecto, o CESGA transferiralle o coñecemento técnico e o software empregado ao consorcio de participantes, tal como xa fixo en proxectos anteriores similares, que culminaron con resultados exitosos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.11.2012.