Ir o contido principal

O proxecto ‘XustiEcoWeb’ da USC, recoñecido na primeira edición dos Premios aos Empregados Públicos Innovadores

O proxecto presentado constitúe unha mellora integral da xestión económica asociada ás actividades de investigación. Foto: Santi Alvite
O proxecto presentado constitúe unha mellora integral da xestión económica asociada ás actividades de investigación. Foto: Santi Alvite
O galardón coincide no tempo co fomento das boas prácticas por parte da Universidade a través da creación dun repositorio institucional
Lugo, Santiago de Compostela

Os traballadores da USC José Ramón Basante, Arturo Clavero e Jacobo M. González veñen de ser recoñecidos na I edición dos Premios aos Empregados Públicos Innovadores, impulsados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), polo seu proxecto ‘XustiEcoWeb – Mellora dos procesos e fluxos administrativos’.

A candidatura que resultou gañadora na subcategoría á mellor actitude innovadora, foi presentada de forma grupal por estes tres traballadores do Servicio de Xestión de Actividades de I+D da USC. O proxecto presentado constitúe unha mellora integral da xestión económica asociada ás actividades de investigación e abrangue dúas ferramentas básicas que son as que achegan innovación a determinados procedementos administrativos. A primeira delas é un portal web denominado ‘KAIRóS’ que serve como punto de intercambio de información e documentación asociada aos procesos de xustificación mediante o cal o equipo de traballo logrou simplificalos notablemente reducindo o uso do papel e alixeirando a carga de correos electrónicos.

Outra das innovacións introducidas é o uso das redes sociais para mellorar a interacción coa comunidade investigadora. Por medio da aplicación Yammer, que forma parte do paquete Office 365, creáronse diversos grupos de interese sobre temáticas concretas a fin de conseguir unha redución do uso do teléfono e do correo electrónico.

Estes galardóns conforman unha das actuacións específicas recollidas no Programa integral de impulso da Compra Pública de Innovación (Programa Innpulsa CPI), co que se busca consolidar Galicia como un referente neste instrumento que fomenta a innovación a través da contratación por parte da Administración de novas solucións e produtos.

Boas prácticas

Este galardón coincide no tempo coa posta en marcha na USC dun repositorio institucional de Boas Prácticas, unha iniciativa da Vicerreitoría de Planificación e Proxección Estratéxica que busca fomentar a cultura da calidade e estimular iniciativas que desenvolven os centros neste eido. Este repositorio institucional vén de estrearse con oito accións doutras tantas facultades e escolas e que foron premiadas nunha convocatoria específica de recoñecemento de boas prácticas.

O repositorio de Boas Prácticas nutrirase anualmente coas prácticas que resulten premiadas a raíz dunha convocatoria aberta aos centros. As accións propostas deben reunir unha serie de requisitos: solucionar un problema ou contribuír á mellora continua da actividade docente e de xestión da calidade; ter completado o ciclo de planificación, implementación, avaliación, axuste e mellora; atoparse en aplicación; ser eficaz, eficiente e efectiva, ademais de sostible, replicable e innovadora; e contar con suficientes evidencias do seu desenvolvemento e eficacia.

José Ramón Basante, Arturo Clavero e Jacobo M. González veñen de ser recoñecidos na I edición dos Premios aos Empregados Públicos Innovadores

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2019.