Químicos da USC deseñan unha metodoloxía que favorece un mellor envellecemento das obras de arte realizadas en plástico
Os polímeros sintéticos tamén necesitan coidados, máis se cadra cando adoptan formas artísticas. Isto foi o que pensaron investigadores do Grupo Nanomag da USC cando hai uns anos comezaron a colaborar estreitamente co Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) para mellorar a conservación das obras de arte elaboradas total ou parcialmente con polímeros, ou dito doutra forma, con plástico.
Os investigadores deseñaron unha metodoloxía, típica da química de materiais, para axudar e facilitar a conservación de obras de arte contemporáneo feitas en plástico. Tal e como sinala o coordinador do proxecto no Departamento de Química Física da USC, Massimo Lazzari, “aínda que durante moito tempo estas obras se teñan considerado como moi estables, en realidade están envellecendo moi rapidamente”.
O desenvolvemento desta metodoloxía permite avaliar a estabilidade dos materiais que se usaron para crear algunhas das obras depositadas no CGAC, o que permitirá coñecer de antemán “como van a envellecer, antes de que este proceso sexa xa irreversible”. As vantaxes inmediatas do método é que se poderá planificar mellor tanto a chamada conservación preventiva como as condicións de exposición e almacenaxe, engade o investigador. En conxunto, a proposta constitúe “unha axuda moi importante á actividade do conservador e ao museo á hora de xestionar a súa colección”.
Aínda que se trata dunha metodoloxía estándar, permite ofrecer de forma individualizada propostas sobre a xestión de cada obra –tratamentos de limpeza ou conservación- incluíndo suxestións específicas sobre como tratalas no momento no que comecen a manifestar síntomas de deterioro –ao coller cor amarela, perder brillo ou fragmentos superficiais ou sufrir roturas-. Tal e como sinala Massimo Lazzari, o obxectivo último é “aprazar esta degradación o máis posible suxerindo as mellores condicións dunha perfecta conservación preventiva”.
A colaboración entre conservadores e químicos transcende o valor estritamente científico, xa que como apunta o profesor Lazzari neste proxecto existe un importante compoñente social e económico “porque estamos a falar da conservación do patrimonio cultural de Galicia”.
Proxección internacional
Co título ‘ Plastic matters: an analytical procedure to evaluate the degradability of contemporary works of art’, este proxecto ten acadado xa a atención dunha das máis importantes revistas no eido da Química Analítica, a Analytical and Bioanalytical Chemistry que publica os resultados deste proxecto nun artigo que asinan Massimo Lazzari, Ana Ledo-Suárez, Thaïs López, Dominique Scalarone e M. Arturo López-Quintela.
Ademais, o comité editorial da revista seleccionou este artigo entre os dez de acceso libre do mes pola súa particularidade, dentro dunha iniciativa encamiñada a promocionar o Ano Internacional da Química.