Ir o contido principal

Ramón Bouzas, reelixido decano de Ciencias Políticas e Sociais

Ramón Bouzas
Ramón Bouzas (imaxe de arquivo)
O incremento da oferta docente da facultade con especial atención ás demandas da xestión pública no contexto dixital ou o fortalecemento da colaboración co tecido social e empresarial galego, entre os seus retos para estes catro anos
Santiago de Compostela

O profesor Ramón Ángel Bouzas Lorenzo acaba de ser reelixido decano da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais nunha xunta de centro celebrada a finais do pasado mes de decembro con 21 votos a favor e 7 abstencións.

Para este novo período á fronte da Facultade, Ramón Bouzas destaca entre as súas prioridades o incremento da oferta de títulos de grao e posgrao impartidos no centro, “incidindo especialmente nunha formación adaptada ás demandas da xestión pública no contexto do goberno dixital”, así como reforzar os mecanismos de coordinación e supervisión de títulos ou “fomentar unha participación máis activa dos títulos e da facultade en programas de intercambio académico, profesional -a través dos programas de prácticas- e na construción de redes de docencia e investigación”.

Ademais de fortalecer a colaboración co tecido social e empresarial galego, outros obxectivos serán a renovación das infraestruturas e a dotación para o centro de novos equipamentos de apoio ao ensino, ao estudo do alumnado, así como de soporte á investigación realizada na facultade.

Ramón Bouzas

Ramón Ángel Bouzas Lorenzo (Boiro, 1967) é profesor titular do Departamento de Ciencias Política e Socioloxía e colaborador nos programas formativos do Instituto Nacional de Administración Pública (INAP). Con anterioridade á súa elección como decano, tamén formou parte en distintas etapas de anteriores equipos de dirección da Facultade. Foi Visiting Scholar na Goldman School of Public Policy da Universidade de California–Berkeley, un dos centros máis prestixiosos na investigación e asesoría en políticas públicas de Estados Unidos. Anteriormente foi tamén investigador visitante na Università degli Studi di Bologna (Italia) e no Interdisciplinary Institute of Management da London School of Economics and Political Science.
 
Dende 1994 participa ininterrompidamente en proxectos de investigación sobre desenvolvemento institucional, modernización da xestión pública e redeseño de políticas públicas. A súa docencia e investigación céntranse nos campos da análise das organizacións públicas, goberno dixital, recursos humanos, márketing de servizos públicos e políticas de igualdade de xénero. Na actualidade é o investigador principal do proxecto Development of Skills and Teachers Training for Leadership, financiado pola Comisión Europea dentro de programa Erasmus + Key Action 2.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.01.2021.