Ir o contido principal

O ránking Times Higher Education destaca a USC en Ciencias da Vida, Ciencias Físicas, Psicoloxía e Ciencias da Saúde

Laboratorio da USC. Foto: Santi Alvite
Laboratorio da USC. Foto: Santi Alvite
A USC sitúase no intervalo 401–5 00 no ámbito de Ciencias da Vida; no 501–600, en Ciencias Físicas; no 401+ no eido da Psicoloxía, e no 501–6 00 en Ciencias da Saúde
Lugo, Santiago de Compostela

A actividade en Ciencias da Vida, Ciencias Físicas, Psicoloxía e Ciencias da Saúde levada a cabo pola USC, é situada polo ránking Times Higher Education (THE) por áreas de coñecemento, entre a desenvolvida polas mellores universidades do mundo. Concretamente, a USC sitúase no intervalo 401–5 00 no ámbito de Ciencias da Vida; no 501–600, en Ciencias Físicas; no 401+ no eido da Psicoloxía, e no 501–6 00 en Ciencias da Saúde. En semanas anteriores, o ránking THE xa situara á USC entre as institucións máis destacadas do mundo en Ciencias Sociais, Educación, Economía e Empresas, Humanidades, Ciencias Computacionais, Enxeñarías e Tecnoloxía.

Esta listaxe está elaborada en base a trece indicadores de rendemento estruturados en cinco áreas: docencia (30% da valoración final), investigación (30%), citacións (30%), proxección internacional (7,5%), e transferencia de coñecemento (2,5%). No eido das Ciencias da Vida, o ránking THE contén un total de 821 institucións. A USC ocupa o cuarto lugar de entre as 37 universidades españolas que compoñen a listaxe, sendo as citacións e a proxección internacional os aspectos mellor valorados.

A USC sitúase asemade entre as 494 institucións que esta listaxe considera como as mellores no eido da Psicoloxía en todo o mundo. Só 22 centros españois integran o ránking desta área na que a Universidade destaca na transferencia dos coñecementos xerados. En Ciencias Físicas, son 1054 as institucións que integran a listaxe, 37 delas pertencentes a territorio español e de entre as cales a USC sitúase en sexto lugar destacando tamén en citacións e proxección internacional. As citacións son o aspecto mellor valorado da USC por THE no eido das Ciencias da Saúde, ránking no que toman parte 775 universidades, 34 delas españolas.

Ciencias Sociais, Educación, e Economía e Empresas

O ránking Times Higher Education por áreas de coñecemento situou tamén este mesmo mes á USC entre as mellores institucións universitarias do mundo no eido das Ciencias Sociais, Educación, así como en Economía e Empresas. A Universidade sitúase no intervalo 301-400 no ámbito da Educación; no 401-500, en Economía e Empresas; e no 601+ no eido das Ciencias Sociais.

Humanidades, Ciencias Computacionais, Enxeñarías e Tecnoloxía

En semanas pasadas, a edición 2020 do ránking Times Higher Education (THE) por áreas de coñecemento situou tamén á USC como unha das mellores universidades do mundo no eido das Artes e Humanidades, concretamente no intervalo 301-400.

Pola súa parte, no ámbito das Ciencias Computacionais, así como no eido das Enxeñarías e Tecnoloxía, THE colocou, no mes de outubro, á USC no intervalo 501-600. A Universidade ocupa o quinto lugar de entre as 28 universidades españolas que integran esta clasificación de Ciencias da Computación; mentres que en Enxeñaría, sitúase en sexto lugar con respecto ás 40 institucións españolas incluídas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.12.2019.