Reactívase a actividade deportiva no Campus de Lugo
Este luns 25 reinícianse as actividades deportivas do Campus de Lugo cunha semana de portas abertas, do 25 ao 28 de outubro, na que os estudantes poden probar o deporte que máis lle interese para practicalo durante o curso. O período de matrícula permanece aínda aberto, a pesar de que certas actividades teñen completas xa todas as prazas. A inscrición nas actividades realizarase nas oficinas do servizo de deportes na Biblioteca Intercentros do Campus ou a través da páxina web da USC, dándose de alta como usuario. Ademais da posibilidade de participar das competicións universitarias en varios deportes, para as que tamén está aberto o prazo de inscrición, a USC ofrece a posibilidade de practicar numerosas disciplinas no día a día da vida universitaria. Polo que respecta ao Campus de Lugo, este curso ofértanse iniciativas de acondicionamento físico, aerobic e step, coa posibilidade de combinar estas últimas coa ximnasia de mantemento, danza oriental, esgrima, ioga, pilates, squash ou deportes menos dinámicos fisicamente, pero moi produtivos mentalmente como é o xadrez. O Campus de Lugo tamén ofrece a oportunidade de aproveitar unha serie de descontos en actividades externas como pode ser a hípica, o pádel, o atletismo ou o dispoñer das instalacións do Club Fluvial, entre outras. A oferta deportiva da USC foise incrementando e diversificando nos últimos anos conforme o fixo a demanda dos estudantes e da sociedade e as instalacións universitarias fóronse adaptando ao perfil dos usuarios. A Vicerreitoría de Extensión Universitaria outorga especial atención a aspectos como a práctica deportiva libre e moderada, o apoio ao deporte de competición e as ligas universitarias, a atención aos grupos con necesidades específicas e o respecto e coñecemento da natureza.