Ir o contido principal

A Rede galega de medida do brillo do ceo nocturno avaliará os niveis de contaminación lumínica

O investigador da USC Salvador Bará explica o funcionamento dos detectores nun acto celebrado nas instalacións de Meteogalicia. Foto: Ana Varela. Xunta de Galicia
O investigador da USC Salvador Bará explica o funcionamento dos detectores nun acto celebrado nas instalacións de Meteogalicia. Foto: Ana Varela. Xunta de Galicia
Presentouse este luns como froito dunha colaboración entre a USC e Meteogalicia

A través da Rede galega de medida do brillo do ceo nocturno, a Universidade de Santiago e Meteogalicia colaborarán na avaliación dos niveis de contaminación lumínica e así mellorar as medidas de eficiencia enerxética en Galicia. Esta é unha das primeiras e máis extensas redes públicas existentes a nivel mundial para a monitorización dos niveis de brillo do ceo provocados polas emisións artificiais de luz. A súa posta en marcha é froito da colaboración institucional entre o grupo de investigación en Microóptica e Sensores de Frente de Ondas da USC e Meteogalicia. O reitor Juan Viaño e a a conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, ademais do secretario xeral de Avaliación e Calidade Ambiental, Justo de Benito, participaron este luns na presentación da Rede, que agora se pon á disposición da cidadanía e da comunidade científica. Trátase dun servizo composto por trece detectores instalados noutras tantas estacións meteorolóxicas de Meteogalicia que recollen os datos obtidos dende a súa entrada en servizo progresivo nos anos 2013 e 2014. Os resultados desas medicións poden consultarse xa na web de Meteogalicia onde se mostran datos das máis de 4,5 millóns de medicións realizadas durante o ano 2014. Os detectores instalados nas estacións automáticas de Meteogalicia están distribuídos entre zonas fortemente emisoras de luz, é dicir, as zonas urbanas e periurbanas, e as zonas de menor emisión lumínica, como as áreas rurais e de montaña ou no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Os resultados obtidos permiten comprobar como nas estacións rurais, de montaña e nas situadas no Parque das Illas Atlánticas o brillo cenital en noites despexadas é entre 1,6 e 4 veces superior ao que se considera nunha noite escura en condicións naturais. Ou que nas áreas urbanas o brillo cenital típico en noites despexadas é entre 10 e 40 veces superior ao correspondente a unha noite escura en condicións naturais. Ademais de para unha mellor planificación das medidas de eficiencia enerxética, a información que proporciona esta rede ten moito interese para as actividades astronómicas. En concreto existe unha iniciativa promovida pola Unesco, denominada Startlight, que certifica que as condicións dos ceos nocturnos permiten unha observación astronómica de calidade. A rede que hoxe se presenta debe servir para conseguir este tipo de certificacións e polo tanto diversificar os intereses turísticos dos lugares que aspiran a acadar o distintivo Starlight.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.06.2015.