Ir o contido principal

O reitor reafirma o compromiso da USC co IDIS

O Instituto presentou a súa memoria e a renovación da acreditación outorgada polo Instituto de Saúde Carlos III

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) conforma un “recurso de investigación altamente competitivo” cuxa actividade está a ser “eficiente en axuntar o carácter universitario, a excelencia na investigación, a competencia na prestación de servizos sanitarios e a aproximación centrada no paciente”, destacou o reitor Juan Viaño no acto celebrado este mércores para a presentación da memoria de actividades correspondente a 2014 deste instituto, acto no que tamén se presentou a renovación da acreditación do IDIS por parte do Instituto de Saúde Carlos III. Dende a confianza na competencia dos investigadores implicados e dende a perspertiva dunha “ estratexia de colaboración colectivo” entre institucións, o Viaño quixo deixar constancia da vontade da USC de “renovar o total compromiso institucional co IDIS”. Segundo explicou na sesión celebrada na Aula Magna do Pavillón Docente Novoa Santos, Viaño sinalou tres retos que abordar dende este instituto de investigación e comezou aludindo á necesidade de deseñar e implementar estratexias de captación e retención de talento que permitan asegurar tanto o desenvolvemento e progreso das liñas de investigación estratéxicas do IDIS como a sustentabilidade e continuidade competitiva de importantes áreas de actividade. “Debemos asumir o reto de facer eficiente e sustentables algunhas grandes infraestruturas nas que dende a USC estamos a facer grandes esforzos para por ao servizo do éxito do IDIS” engadiu o reitor poñendo como exemplo a plataforma de bioloxía experimental CEBEGA. Ademais, Viaño apelou a rematar de conformar a aposta estratéxica de construción do IDIS, dotándoo dunha estrutura de xestión e dun marco organizativo que responda con eficiencia ás esixencias e particularidades da súa actividade interinstitucional. Neste punto apelou ao acordo adoptado para facer operativa unha comisión executiva na nova estrutura de goberno da nova Fundación IDIS para facilitar a integración dos procesos de xestión do instituto e dos grupos a el asociados. En resumo, a memoria presentada “demostra claramente o progreso e o éxito desta aposta” o que, como sinalou o reitor compostelán, “permite ser máis capaces para competir en programas e oportunidades de financiamento de maior alcance internacional” así como abordar “estratexias de interacción entre as esferas pública e privada máis complexas e ambiciosas e, con iso, crear impacto real na nosa contorna”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.07.2015.