O reitor da USC destaca a importancia da internacionalización durante a apertura da Asemblea da Federación Panamericana de Leitería que se desenvolve en Lugo

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long, presidiu este mércores 27 o acto de apertura da 18ª Asemblea Xeral da Federación Panamericana de Leitería (Fepale), que se está a celebrar en Lugo deica o 29 de outubro. Na apertura tamén interviñeron o alcalde de Lugo, José López Orozco;a directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, Alejandra Álvarez de Mon; e o presidente da Fepale, Vicente Nogueira, entre outros representantes do sector na Península. Juan Casares trasladou o compromiso da Universidade coa internacionalización e a incorporación da tecnoloxía e dixo que “é unha magnifica oportunidade ligada a un sector en profunda transformación e ao aumento de valor engadido do leite”. Casares destacou a importancia do labor realizado durante os últimos anos por Juan Méndez Dónega, responsable do Centro Tecnolóxico Lácteo-Aula de Productos Lácteos, e sinalouno como precursor na apertura de novos mercados. O reitor tamén sinalou a importancia da colaboración institucional e coas empresas que segue a USC co fin de compartir coñecemento. A reunión permitirá, tal e como sinala o director da Aula de Produtos Lácteos, Juan Méndez, abrir canles de comunicación entre América Latina, España e Portugal. O obxectivo é que as empresas intercambien coñecementos e “se vexan unhas a outras como aliadas e non como competidoras. A reunión da Alianza Láctea Global achega á cidade a un colectivo formado por industrias lácteas que representan a meirande parte do comercio mundial e emprazadas en Arxentina, Australia, Brasil, Chile, Nova Zelanda e Uruguai. Durante a asemblea están a tratarse cuestións como a diferenciación de produtos, as marcas brancas, as políticas agrarias comúns e o intercambio de coñecementos entre o sector ibérico e o americano.
A Asemblea, que se desenvolve por vez primeira fóra do continente americano, súmase a un conxunto de iniciativas que estes días se desenvolven simultaneamente en Lugo e que converten á cidade das murallas na capital europea da análise do comercio no sector lácteo durante estes días. Trátase de actividades de grande interese para a internacionalización do sector. Participan neste encontro uns 120 profesionais vinculados a organizacións e empresas de produción e transformación americanas e de centros investigación do mesmo continente.