O reitor da USC preside a apertura da Asemblea da Federación Panamericana de Leitería que se iniciou en Lugo cunha xornada sobre formación e I+D no sector
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long, presidirá este mércores a apertura da 18ª Asemblea Xeral da Federación Panamericana de Leitería (Fepale), que se está a celebar en Lugo ata o 29 de outubro. Ao acto, previsto para as 9.00 horas no edificio Forcam (r/ Cantigas e Flores 31), asistirá tamén o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, o presidente de Fepale, Vicente Nogueira, e o coordinador do Centro Tecnolóxico Lácteo, Juan Méndez, entre outros representantes do sector na Península. Os actos vinculados á Asemblea da Fepale iniciáronse este martes cunha xornada de traballo sobre Formación e I+D no Sector Lácteo e a reunión da Alianza Láctea Global. O Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia-Aula de Produtos Lácteos é o encargado da organización destes eventos, enfocados principalmente na Asemblea, que se desenvolve por vez primeira fóra do continente americano. Este conxunto de iniciativas é de grande interese para a internacionalización do sector, e converte a cidade da Muralla na capital europea da análise do comercio no sector lácteo durante estes días. Participan neste encontro uns 120 profesionais vinculados a organizacións e empresas de produción e transformación americanas e de centros investigación do mesmo continente. A reunión permitirá, tal e como sinala o director da Aula de Produtos Lácteos, Juan Méndez, abrir canles de comunicación entre América Latina, España e Portugal. O obxectivo é que as empresas intercambien coñecementos e “se vexan unhas a outras como aliadas e non como competidoras”. García Herradón destacou, pola súa parte, que esta é unha oportunidade da Aula para dar a coñecer as súas instalacións e establecer máis vías de colaboración con Latinoamérica.
O workshop congregou a investigadores do ámbito internacional, mentres que a reunión Alianza Láctea Global achega á cidade a un colectivo formado por industrias lácteas que representan a meirande parte do comercio mundial e emprazadas en Arxentina, Australia, Brasil, Chile, Nova Zelanda e Uruguai. Durante a asemblea cuestións como a diferenciación de produtos, as marcas brancas, as políticas agrarias comúns e o intercambio de coñecementos entre o sector ibérico e o americano.