Remata a primeira quenda dos Campus Científicos de Verán coa exposición pública das investigacións
Os vinte e cinco estudantes españois de 1º de bacharelato que esta primeira quincena de mes asistiron en Santiago aos Campus Científicos de Verán 2010 celebran este venres 16 a súa última sesión. A partir das 11:00 horas no Centro de Estudos Avanzados presentarán publicamente os traballos de investigación nos que estiveron colaborando. Son catro os proxectos de investigación que a Universidade de Santiago ofrece nesta ocasión: ‘ Sistema de tratamento para eliminar o contaminación das augas residuais’, dirixido por Gumersindo Feijooo Costa; ‘Investigación en Ciencias Matemáticas’, de M. Victoria Otero Espinar; ‘Enfermidades dexenerativas. Do laboratorio á clínica’, de José Luis Relova Quinteiro; e ‘A maxia dos hidroxeles intelixentes’, liderado por Juan José Torres Labandeira. Chega a segunda quenda Os estudantes que intervirán na segunda quenda destes campus científicos, todos de 4º de ESO, chegan a Santiago esta fin de semana. Está previsto un acto de acollida e presentación o luns, 19 de xullo, ás 10:30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Outras actividades Ademais de participar nestes proxectos os estudantes teñen ocasión de escoitar a profesores da USC en varias charlas. Así, participan Ángel Carracedo con charlas sobre o xenoma humano, o profesor Enrique Macías Virgós sobre as matemáticas e Jorge Mira sobre a distancia que nos separa do firmamento. O programa inclúe tamén actividades lúdico-deportivas como visitas guiadas, roteiros ou excursións. A iniciativa desenvólvese paralelamente nos institutos e departamentos de investigación adscritos aos Campus de Excelencia Internacional das cidades de Madrid, Barcelona, Santander, Santiago de Compostela, Córdoba e Oviedo.