Rematou a cuarta edición do Curso Camiño de Santiago cunha moi alta valoración por parte dos participantes
O IV Curso Camiño de Santiago que organiza Cursos Internacionais da USC chegou este venres ao seu fin cunha valoración altamente satisfactoria para os participantes, vinte estudantes na súa maioría de Brasil pero tamén de Dinamarca, Bélxica, Irlanda e Bulgaria. Todos eles asistiron esta tarde no Paraninfo á clausura que contou coa presenza do concelleiro de Relacións Institucionais de Santiago, Andrés Fariña Cadenas; a xerenta de Cursos Internacionais, Lanzada Calatayud; e o coordinador do programa, José M. Andrade. Trátase dun curso que combina o perfeccionamento lingüístico con contidos culturais vencellados ao Camiño de Santiago e á cultura galega. Precisamente, o alumnado destacou a alta cualificación dos docentes e a calidade do programa académico que ofrece un achegamento multidisciplinar ao fenómeno xacobeo, ademais das actividades culturais nas que tiveron a oportunidade de participar. Peregrinaxe O programa comprendía a realización do tramo final do Camiño Francés dende O Cebreiro. Estiveron acompañados polo profesor de Historia Medieval da USC José M. Andrade e a profesora de Cursos Internacionais María Jove.