Ir o contido principal

‘Repensar a Teoloxía. Recuperar o Cristianismo’, lema dunhas xornadas que homenaxean ao profesor Torres Queiruga

O profesor Torres Queiruga (á dereita) no acto de inauguración das xornadas que o homenaxean
O profesor Torres Queiruga (á dereita) no acto de inauguración das xornadas que o homenaxean
Comezaron este xoves na Facultade de Filosofía

O XXV Foro Encrucillada está a analizar a relación entre a teoloxía e o cristianismo no transcurso dunhas xornadas en homenaxe ao profesor Andrés Torres Queiruga que se celebrarán dende este xoves 28 e ata o sábado 30 na Facultade de Filosofía da USC. O reitor Juan Casares presidiu a inauguración do encontro no Salón de Actos da Facultade de Filosofía. Xunto e nela interviñeron ademais o decano do centro, Luís García Soto, o director da revista Galega de Pensamento Cristián Encrucillada, Pedro Castelao, e o profesor Torres Queiruga. ‘Repensar a Teoloxía. Recuperar o Cristianismo’ é o lema deste encontro cuxo propósito é reflexionar de xeito conxunto co homenaxeado “mirando ao mesmo tempo cara a mesma cuestión tratando de avanzar no seu afondamento”, apuntan os organizadores do encontro. No programa figuran especialistas e docentes procedentes de universidades de Italia, Portugal, Brasil e España xunto a representantes do Centro Ramón Piñeiros para a Investigación en Humanidades, do Instituto Tecnolóxico Compostelano, da Conferencia das Relixiosas e Relixiosos do Brasil. O programa de intervencións abriuno o catedrático de Filosofía, José L. Barreiro Barreiro, co relatorio ‘De mestre a mestre. No Ano Xubilar dun emérito ruibaliano’. Deseguido, Joao Vila-Cha, profesor de Filosofía da Universidade Gregoriana de Roma, presentou unha nova posición do problema da Filosofía da saudade. A xornada matinal rematou coa presenza de Miguel García-Baró da Universidade Pontificia de Comillas para falar sobre ‘O problema do mal e a teodecia’.

Pola tarde Joao Duque, da Universidade Católica Portuguesa, e a secretaria da Asociación Encrucillada, Engracia Vidal, abordan os temas filosofía e teoloxía da revelación e ‘O compromiso de A. Torres Queiruga con Galicia’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.10.2010.