Ir o contido principal

‘Repensar a Teoloxía. Recuperar o Cristianismo’, lema dunhas xornadas que homenaxean ao profesor Torres Queiruga

‘Repensar a Teoloxía. Recuperar o Cristianismo’, lema dunhas xornadas que homenaxean ao profesor Torres Queiruga
‘Repensar a Teoloxía. Recuperar o Cristianismo’, lema dunhas xornadas que homenaxean ao profesor Torres Queiruga
Comezan este xoves na Facultade de Filosofía

O XXV Foro Encrucillada vai analizar a relación entre a teoloxía e o cristianismo no transcurso dunhas xornadas en homenaxe ao profesor Andrés Torres Queiruga que se celebrarán dende este xoves 28 e ata o sábado 30 na Facultade de Filosofía da USC. O reitor compostelán Juan Casares presidirá o acto inaugural a partir das 8:45 horas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía. Xunto a el intervirán ademais o decano do centro, Luís García Soto, o director da revista Galega de Pensamento Cristián Encrucillada, Pedro Castelao, e o profesor Torres Queiruga. ‘Repensar a Teoloxía. Recuperar o Cristianismo’ é o lema deste encontro cuxo propósito é reflexionar de xeito conxunto co homenaxeado “mirando ao mesmo tempo cara a mesma cuestión tratando de avanzar no seu afondamento”, apuntan os organizadores do encontro. No programa figuran especialistas e docentes procedentes de universidades de Italia, Portugal, Brasil e España xunto a representantes do Centro Ramón Piñeiros para a Investigación en Humanidades, do Instituto Tecnolóxico Compostelano, da Conferencia das Relixiosas e Relixiosos do Brasil. O programa de intervencións abrirao ás 9:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía o catedrático de Filosofía, José L. Barreiro Barreiro, co relatorio ‘De mestre a mestre. No Ano Xubilar dun emérito ruibaliano. Seguirao Joao Vila-Cha, profesor de Filosofía da Universidade Gregoriana de Roma presentando unha nova posición do problema da Filosofía da saudade. A xornada matinal rematará coa presenza de Miguel García-Baró da Universidade Pontificia de Comillas para falar sobre ‘O problema do mal e a teodecia’.

Pola tarde Joao Duque, da Universidade Católica Portuguesa, e a secretaria da Asociación Encrucillada, Engracia Vidal, abordarán os temas filosofía e teoloxía da revelación e ‘O compromiso de A. Torres Queiruga con Galicia’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.10.2010.