Representantes de 134 centros de secundaria de toda Galicia reuníronse na USC para coñecer as novidades do acceso á Universidade

O reitor Senén Barro presidiu este mércores no Centro de Estudos Avanzados unha xuntanza con representantes de centros de ensino medio de toda Galicia coa finalidade de poñer en marcha o programa ‘A Ponte entre o ensino medio e a USC’ para este curso. Á xuntanza asistiron preto de douscentos responsables e orientadores que representaban a 63 centros da provincia da Coruña, 44 de Pontevedra, 18 de Lugo e 9 de Ourense.
Na sesión, que comezou coa presentación das accións previstas no programa para este curso, o vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Plo Casasús, avanzou as últimas novidades do novo espazo universitario de cara á súa homologación europea.
Por último, os asistentes asistiron á explicación do profesor Bermejo, representante da USC na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), sobre as Probas de Acceso á Universidade e o acceso á USC.